atlanTTic crea un revolucionario tradutor automático para mellorar a atención en urxencias ás persoas xordas

martes, 4 de xullo do 2023 S. P.

O centro atlanTTic presentou este 28 de xuño, no Edificio Miralles da UVigo, os resultados do proxecto SignaMed. Fíxoo nunha xornada convocada baixo o epígrafe Rompendo barreiras de comunicación entre persoas xordas e oíntes e contando coa presenza de investigadores do proxecto e entidades colaboradoras. Entre os investigadores atopábase catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e investigador de atlanTTic José Luis Alba, coordinador de SignaMed, que explicou se trata dunha iniciativa tecnolóxica de natureza práctica para favorecer a inclusión da comunidade de persoas xordas e mellorar a súa calidade de vida.
Trátase, máis en detalle, dunha iniciativa de ciencia cidadá financiada pola FECYT que se dirixe a crear primeiro dicionario accesíbel en Lingua de Signos en español con termos do ámbito da saúde. O dicionario medra coa colaboración da comunidade xorda, que grava a través de signamed.web.app variacións dos signos para que o sistema de Intelixencia Artificial que está por debaixo aprenda a recoñecelos e os integre no glosario de termos accesíbeis.
Segundo explicou Alba, “as persoas xordas enfróntanse no seu día a día con barreiras comunicativas en múltiples ámbitos que dificultan a súa plena integración como cidadáns de pleno dereito. Para a maioría dos trámites que aos oíntes lles resultan triviais as persoas xordas precisan ir acompañadas dun intérprete ou un familiar, pero isto non sempre é posíbel, sobre todo, cando se trata dunha emerxencia. A atención en urxencias é un dos casos nos que, por definición, a planificación coa antelación suficiente non é posible e isto agrávase pola ausencia de intérpretes nos servizos de urxencias”, apuntou.
Alba estivo acompañado pola profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución, experta en Lingüística e LSE, Mª del Carmen Cabeza, integrante deste proxecto, e pola vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo, quen se referiu a SignaMed, como “un proxecto innovador, colaborativo e, sobre todo, ilusionante”: innovador, porque se abre a un campus ata agora inexplorado como é a creación de dicionarios especializados en LSE; colaborativo, porque é froito do traballo dun equipo multidisciplinar de persoas expertas no campo da medicina, da lingua de signos e do desenvolvemento tecnolóxico, que, xuntos, foron quen de crear “unha poderosa ferramenta” que lles permitirá ás persoas xordas ou con discapacidade auditiva acceder a información médica de calidade sen barreiras ou, “cando menos, cun menor grao de dificultade”, e, por último, ilusionante, porque lle facilita a este colectivo o acceso a algo tan vital como é a información médica. “SignaMed é moito máis ca un dicionario de saúde en lingua de signos, é unha ferramenta de inclusión e de apoderamento das persoas xordas”, salientou a vicerreitora.
Trala proxección dun vídeo resumo do proxecto, Alba explicou que o dicionario contén máis de 300 signos relacionados coa saúde e 231 definicións en LSE, consultábeis tanto en texto como signando fronte á cámara web ou do móbil. “O último modelo dispoñíbel recoñece cun acerto do 94% 120 signos e variantes e, pouco a pouco, iranse integrando os restantes”, salientou Alba, ao tempo que explicou que para a posta en marcha desta ferramenta se desenvolveron diferentes modelos de Intelixencia Artificial que permitiron ir recoñecendo, a medida que se incorporaban, calquera signo ou variante do dicionario.
Coa axuda da FAXPG, a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, e coa cooperación de colaboradores e colaboradoras anónimos da comunidade xorda, ao abeiro de SignaMed producíronse seis píldoras divulgativas para explicar a tecnoloxía de Intelixencia Artificial desenvolvida e lanzáronse tres competicións para facer a participación máis entretida, repartindo premios aos maiores contribuíntes de cada competición. “Todos estes contidos, páxina web, aplicación, píldoras divulgativas e competicións están accesíbeis en español e LSE”, recalcou o coordinador.
Se ben SignaMed aínda remata esta semana, desde o equipo liderado por Alba levan xa varios meses traballando na súa continuación natural, un novo proxecto financiado nesta ocasión con máis de 140.000 euros (fondos Next Generation) polo Ministerio de Ciencia e Innovación na modalidade de Proba Concepto. Bautizado como SignaSalud, este traballo consistirá na posta en marcha dunha proba piloto nunha contorna real, neste caso o servizo de Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro, dotando a este servizo dun intérprete automático que entenda frases curtas en LSE relacionadas con calquera urxencia médica.
“Empregarase a plataforma materializada en SignaMed para recadar a cooperación da comunidade xorda signando frases en LSE para ese dominio de aplicación”, explicou o investigador de atlanTTic, ao tempo que fixo fincapé en que os modelos de IA a desenvolver partirán dos resultados de SignaMed “pero deberán ser moito máis complexos”. A previsión é realizar esta proba a finais de 2024 e contará coa participación de FAXPG, o SERGAS e a empresa compostelá Balidea, como avaliadora do éxito potencial da mesma.
As actividades do proxecto arrancaron o pasado mes de xaneiro e este primeiro ano estará practicamente dedicado a obter gravacións de termos e frases para adestrar e testar o sistema, á vez que se irá mellorando con pequenas probas internas. Xa no segundo ano, 2024, o obxectivo será definir a proba, implementala coa tecnoloxía máis axeitada para o servizo de urxencias, familiarizar ás persoas xordas co uso da aplicación e buscar fontes de financiamento para que apoien o desenvolvemento posterior da tecnoloxía.
“Actualmente non existe ningún tradutor automático para ningunha das linguas de signos do mundo, non obstante novos algoritmos de aprendizaxe profundo e resultados previos do noso equipo de investigación permiten entrever un cambio importante nos vindeiros anos”, salienta Alba, pondo así en valor o traballo desenvolto polo Grupo de Tecnoloxías Multimedia de atlanTTic neste ámbito.
Para conseguilo contan cun equipo interdisciplinar do que forman parte investigadoras e investigadores de atlanTTic especialistas en visión por computador, aprendizaxe automática, Intelixencia Artificial e microlearning, xunto con investigadoras e investigadores do Departamento de Tradución e Lingüística da UVigo expertos/as en Lingua de Signos, ademais de contar tamén coa colaboración da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), a Fundación CNSE para a supresión das barreiras da comunicación, o Servizo Galego de Saúde, SERGAS, a empresa de software Balidea, que é que se encarga de definir e validar a proba con criterios de calidade de servizo. “O equipo é practicamente o mesmo que o de SignaMed, simplemente que engadimos a AsorVigo, asociación da cidade coa que xa tiven diferentes reunións; ao equipo de urxencias do SERGAS e ás empresa Balidea e ELDS, que colaborará sobre todo na interpretación de contidos dun micro-curso que se fará para o persoal sanitario, o vídeo demostración da aplicación e na gravación de frases en LSE”, engadiu Alba.

PUBLICIDADE