reMarkable estrea un caderno compacto con pantalla de tinta electrónica a cor

mércores, 3 de setembro do 2025 Marcus Fernández

Un dos grandes referentes en lectores de libros electrónicos con pantalla de tinta electrónica e opción de escritura, reMarkable, sorprendeu o ano pasado co reMarkable Paper Pro, un dispositivo con pantalla de 11,8 polgadas a cor, e agora anuncian outro produto na mesma liña, o reMarkable Paper Pro Move, que vén a ser unha versión do anterior trebello, pero cunha pantalla de 7,3 polgadas, conseguindo unha maior mobilidade, de xeito que sería un caderno dixital que podería levarse nun bolso ou incluso no peto dunha chaqueta, facilitando o seu uso en mobilidade.
O dispositivo está pensado para acompañar a xornada de profesionais en continuo movemento, como arquitectos, xornalistas ou comerciais. A través da aplicación de escritorio de reMarkable pódense revisar notas e cargar documentos antes de saír de casa, e durante o día o seu formato compacto garante ter sempre á man un espazo para escribir ou tomar apuntes de forma discreta. As notas, ademais, gárdanse de maneira segura no dispositivo e na nube, con cifrado.
O dispositivo integra unha pantalla Canvas Color de 7,3 polgadas e utiliza modelos de lapis que ofrecen unha experiencia de escritura dixital moi semellante á do papel. A tinta dixital aparece case ao instante e o nivel de fricción está calibrado para reproducir a sensación real de escritura.
O reMarkable Paper Pro Move xa está dispoñible para a súa cumpra por un prezo que parte dos 479 euros, incluíndo un lapis básico, mentres que a versión Plus supón un sobrecusto de 50 euros. Durante a compra tamén permiten engadir fundas que incrementan o prezo entre 69 e 149 euros en función do seu material.

Vídeo promocional do reMarkable Paper Pro Move