6,2 millóns de euros para impulsar os centros tecnolóxicos galegos

luns, 17 de xullo do 2023 Redacción

A Xunta de Galicia vén de abrir o prazo da nova convocatoria de financiamento para dar continuidade, por dous anos mais, ao labor que desenvolven os centros tecnolóxicos e de apoio á innovación tecnolóxica de Galicia que figuran no rexistro estatal do Ministerio de Ciencia e Innovación. Destinaranse 6,2 millóns de euros durante os anos 2023 e 2024.
Deste xeito, os sete centros tecnolóxicos de Galicia –Aimen, Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant), Anfaco-Cecopesca, Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), EnergyLab e o Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (Cetim) e os dous centros de apoio á innovación tecnolóxica -Centro Tecnolóxico da Auga (Cetaqua) e o Clúster de Acuicultura de Galicia (Cetga)– teñen até o 14 de agosto para optar a estas axudas.
A Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación, renova este financiamento co obxectivo de proporcionar a estes centros un horizonte de certeza económica que lles permita planificar e executar, coa programación adecuada, as actividades de I+D+i que pretenden realizar.
As axudas distribúense en función de 17 indicadores que valoran a perspectiva financeira, de resultados e excelencia, e de persoal e igualdade de cada centro. Vincúlase o financiamento público aos resultados obtidos por cada centro en transferencia de coñecemento e captación de fondos competitivos, entre outros aspectos. Os custos que se apoian inclúen persoal investigador ou técnico, material bibliográfico e funxible, custos de formación do persoal do centro e outros gastos ata un máximo do 10% da axuda concedida. Deste xeito impulsa a atracción e retención de talento.
Enmarcada na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia, este financiamento basal promove así a excelencia científico-técnica e a posta en valor do coñecemento, impulsando a colaboración co tecido empresarial para potenciar o impacto na competitividade das empresas e o crecemento da economía galega.
Esta liña compleméntase coas axudas á adquisición de infraestruturas para fortalecer as capacidades destes centros, e co financiamento basal ás fundacións de investigación sanitaria e os recursos do Consejo Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Galicia.
Estes centros son un referente estatal pola súa especialización, posicionamento e competitividade e actores clave do ecosistema galego de innovación pola súa contribución ao desenvolvemento de tecnoloxías e á innovación, así como pola súa colaboración en iniciativas tractoras. O seu traballo xira en torno ás cadeas de valor estratéxicas de Galicia.
Entre os seus obxectivos está o de tender pontes entre a ciencia e as solucións tecnolóxicas e innovadoras que demandan tanto o tecido empresarial como as administracións. Por iso, o Goberno galego tamén deseñou programas específicos como Conecta Peme, Fábrica Intelixente e Sostible ou as Unidades Mixtas de Investigación que buscan impulsar unha participación activa destes centros promovendo a súa cooperación coa industria e favorecendo que a innovación chegue a todo tipo de empresas.

PUBLICIDADE