A AMTEGA estará presente na Feira do Moble

luns, 15 de setembro do 2014 Redacción

A AMTEGA contará cun expositor propio na XXVIII Feira do Moble de Galicia, que se celebra desde o día 20 de setembro e ata o 28 do mesmo mes nas instalacións da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada. Neste espazo os asistentes atoparán información e material sobre diferentes solucións en materia TIC, de interese para este sector.
Ademais, o día 24 de setembro celebraranse dúas presentacións, de 45 minutos de duración cada unha, nas que se amosarán solucións tecnolóxicas baseadas en software libre, para a mellora dos procesos produtivos, marketing e vendas, orientadas ao sector do moble.
A primeira das presentacións leva por título: Sistema de xestión empresarial ERP Eneboo. Mellora a xestión dos teus procesos produtivos da man do Software Libre e está orientada a dar a coñecer a ferramenta de Software Libre Eneboo, unha solución para a xestión empresarial que conta con módulos adaptables a diferentes sectores empresariais.
A segunda presentación, Achégate aos novos clientes da man de Internet. Deseña unha boa estratexia de venda e marketing e abre a túa tenda en liña, está orientada ao achegamento das novas técnicas de venda aproveitando as tecnoloxías de comercio electrónico.
A presenza da AMTEGA na XXVII da Feira do Moble forma parte da súa estratexia de achegamento das Tecnoloxías da Información e Comunicacións aos diferentes sectores empresariais galegos. A participación neste tipo de eventos complementa os servizos permanentes que a Axencia pon a disposición do tecido empresarial galego a través do Centro Demostrador TIC, a Oficina de Coordinación de Software Libre e o recentemente inaugurado Servizo de Consultas TIC, a través do cal se da resposta as consultas que tanto particulares como empresas poidan ter e que estean vinculadas coas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).

PUBLICIDADE