A Aula Tecnolóxica da Casa das Campás lánzase a formar en redes sociais, ilustración e deseño web

luns, 26 de xaneiro do 2015 Redacción

A Aula Tecnolóxica da Casa das Campás (Campus de Pontevedra) deu a coñecer a súa oferta formativa para este segundo cuadrimestre do curso, unha oferta que salienta por un importante contido de redes sociais, accesibilidade e creatividade TIC. A intención dos responsábeis da Aula era “ir cara a ámbitos tecnolóxicos máis específicos”, incluíndo por vez primeira na súa andaina obradoiros para crearmos páxina web adaptábeis a múltiples tipos de pantalla ou para introducirnos na animación asistida por computador. Segundo engaden, calquera persoa pode inscribirse xa nas achegas formativas convocadas a través da Plataforma Bubela.
Para empezar e xa nun plano máis concreto, achégase o curso Introdución ao deseño web responsivo con Bootstrap, que impartirá o deseñador web Alberto García Ariza (coordinador do ciclo de obradoiros que a Casa das Campás fornece en abril e maio) e para o que se recomenda contar cunhas mínimas nocións de deseño web, xa que o seu propósito “é dar continuidade a actividades desenvolvidas previamente sobre este eido abordando por primeira vez o concepto de responsivo, termo co que se fai referencia a aquelas páxinas web que se adaptan á súa visualización en diferentes pantallas, desde un teléfono móbil a un monitor de grandes dimensións”, sinala García Ariza.
Outra das actividades é o curso Introdución aos Motiongraphics con After Effects, un obradoiro centrado en dar a coñecer técnicas básicas de animación asistida por ordenador para aprender así a “elaborar un vídeo a partir doutros vídeos, de gráficos ou de tipografías, dotándoas de movemento”, relata García Ariza. O egresado da Facultade de Belas Artes Alexandre Santorio será o encargado de impartir este seminario entre o 13 de febreiro e o 6 de marzo.
Por outra banda, amosar como conceptos básicos do mundo da ilustración como composición, luz ou cor se trasladan a unha contorna informática será o eixo central do curso Técnicas dixitais de ilustración, que outra egresada de Belas Artes, Almudena Aparicio, impartirá na Casa das Campás entre o 7 e o 23 de abril.
Por outra banda, o obradoiro sobre Community Management que imparte Marta Crespo volverá impartirse na Casa das Campás entre o 9 e o 25 de febreiro, para así dar resposta “á alta demanda que esta proposta formativa colleitou en edicións anteriores”, sinalan os responsábeis da Aula, que engaden que “en outono, a matrícula completouse en menos dunha hora, polo que quedou moita xente fóra e optamos por repetilo”. Neste obradoiro, a xornalista e xestora de comunidades virtuais Marta Crespo achegará as claves para “sacarlle partido desde un punto de vista profesional ou empresarial a un elemento tan presente no día a día como son as redes sociais”.

PUBLICIDADE