A Deputación de Lugo pídelle a Xunta máis esforzos para o despregue de banda larga na provincia

luns, 26 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

O presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, nun encontro recente cos medios

A Deputación de Lugo vén de anunciar o seu propósito de garantir que se cubra de banda larga a totalidade da provincia ao longo de 2011. Para facelo, instará a Xunta a que axilice tódalas actuacións precisas para levar a cabo o despregue de rede, estrutura que o órgano provincial considera básica para a posta en marcha da Administración Electrónica nos concellos lucenses. Esta aposta pola dixitalización da comunicación dos consistorios coa cidadanía inclúese no programa Innova-TE do órgano provincial, e o seu pulo definitivo está previsto para 2011. Segundo apuntou estes días a Deputación e reflicten medios como El Progreso, a provincia de Lugo non salienta nin a nivel galego nin español en materia de penetración da banda larga, que arestora non chega a case a metade da poboación.
Para o órgano provincial, é preciso que o Goberno galego teña en conta en todo intre esta situación deficitaria, poñendo en práctica medidas que garantan un acceso pleno e universal e que favorezan a colaboración de tódalas administracións, incluídos os concellos do PP que segundo apunta a Deputación non quixeron incluírse no programa Innova-TE a prol da Administración Electrónica. Para a entidade lucense, “O progreso económico e social da provincia depende da implantación destas medidas, xa que son decisivas para o medre sostible do territorio e para rematar coa fenda dixital que existe até o de agora”.

PUBLICIDADE