A Deputación de Pontevedra pon en marcha unha innovadora ferramenta para seguir os plenos baseada en IA

venres, 26 de abril do 2024 S. P.

A Deputación de Pontevedra quere seguir dando pasos en transparencia institucional coa posta en marcha dunha innovadora ferramenta para seguir os plenos da Corporación provincial baseada na Intelixencia Artificial. Trátase da mediateca Séneca, na que a institución investiu 50.000 euros, que suporá, tal e como avanzou o presidente Luis López, “un grande avance na forma na que xestionamos e comunicamos a nosa actividade institucional, tanto cara a cidadanía como cara aos medios de comunicación, que a golpe de clic terá toda a información das sesións con total transparencia”.
O acceso a esta nova ferramenta poderá realizarse a través da web da institución como ata o de agora, “soamente que se ata hoxe a opción que había era seguir en directo o pleno, a partir deste momento será posíbel obter información detallada de cada sesión, cos puntos do día, intervencións e votacións”, informou a Deputación, engadindo que a aplicación permitirá xerar textos a partir dos arquivos de vídeo, o que vai facilitar as buscas, o subtitulado automático e a información das vídeo-actas. Tamén será posíbel filtrar as intervencións de cada un dos deputados e, entre outras moitas utilidades, consultar, nas gravacións de cada sesión, as fotografías, as notas de prensa e outros arquivos relacionados.

PUBLICIDADE