Pintos & Salgado reivindica a transparencia en xigantes como Amazon para protexer os dereitos dos cidadáns

luns, 29 de abril do 2024 S. P.

O bufete galego Pintos & Salgado, especializado no ámbito tecnolóxico, compartiu esta semana a súa visión sobre o xigante Amazon e as esixencias das que está a ser obxecto por parte da xustiza europea en materia de transparencia no posicionamento dos seus produtos, unhas reclamacións que chegan despois de ser denegada a suspensión para ser considerada unha plataforma de gran tamaño segundo o Tribunal Xeral da UE e que obrigan á empresa a adaptarse á norma europea e a mellorar a xestión da súa publicidade con fin de conseguir a máxima fiabilidade da mesma.
O bufete galego lembra que a decisión é clara: “Ao aplicarse a Lei de Servizos Dixitais (DSA), Amazon verase obrigado a remitir informes á UE especificando como deseñou o seu algoritmo, para posicionar uns produtos sobre outros e influír en ofértaas e demanda do seu propio mercado dixital, entre outras obrigas que lle impón a norma”.
Aproveitando o auto do vicepresidente do Tribunal Xeral da UE emitido o 27 de marzo de 2024, Víctor Salgado, do bufete de avogados da Coruña Pintos & Salgado, especializado en dereito dixital, contextualiza a importancia de coñecer o deseño algorítmico destes xigantes empresariais: “Non temos claro que clasificacións aplica Amazon para situar os seus produtos. Nun mundo ideal, o primeiro resultado sempre debera ser o que mellores prestacións, opinións ou prezo presta. Pero sabemos que non é así; a orde dos produtos está alterada e condicionada ás políticas e intereses empresariais de Amazon”.
Para Salgado, a opacidade “impide informarse de que criterios se aplican, sen saber por que predominan uns produtos sobre outros, situándose artificialmente nos primeiros resultados sen saber se formalizaron un patrocinio con Amazon. Coñecer o deseño algorítmico de Amazon, como mostran a publicidade e que intereses hai detrás, é de máxima importancia para protexer a nosa liberdade de elección, un principio básico para a UE en Internet”.
O avogado recorda que para impedir desvelar os detalles do seu algoritmo, Amazon opúxose inicialmente á aplicación da Lei de Servizos Dixitais alegando que non cumpría coas características dunha gran plataforma. E esta negación, para o despacho de Pintos & Salgado, é un síntoma da “resistencia das corporacións como Amazon, Apple, Google, Meta ou Microsoft a adaptarse a unha lexislación, a europea, máis protectora con respecto aos dereitos dos usuarios de Internet”. E engade Víctor Salgado: “Debemos entender que o réxime lexislativo de Estados Unidos, sede de moitas das grandes plataformas, tende á autorregulación: hai unhas obrigas xerais de libre competencia e protección ao consumidor, pero o resto de elementos do mercado déixanse en mans das empresas dixitais”.
O avogado incide tamén en que cuestións como o deseño dos seus algoritmos, os acordos e políticas de traballo internas enténdense como “segredo empresarial” en Estados Unidos. “En contraposición, o ordenamento xurídico europeo cambia de enfoque: parte da base de que existen uns intereses públicos que deben respectarse, e por iso busca unha maior transparencia e fiscalización do que se fai no mercado. Tenta garantir o fair play e protexer aos usuarios”.
Para o avogado especialista en dereito dixital, con esta decisión do Tribunal Xeral da Unión Europea tamén se expón a importancia de que tanto autoridades como usuarios saiban que condicións rexen os anuncios e posicionamentos de produtos: “Ampliar a información e transparencia por parte de Amazon é fundamental para que se garanta a libre competencia e a nosa liberdade de elección. A UE necesita reivindicar algoritmos transparentes ás grandes compañías para protexer os dereitos dos seus cidadáns”.

PUBLICIDADE