A FIC acolle este mes un curso sobre técnicas para mellorar ao máximo a calidade do software

mércores, 5 de outubro do 2011 Fernando Sarasketa

Exterior do CITIC, organizador do evento formativo

O Centro de Investigación en TIC (CITIC) vai organizar este mes de outubro unha actividade formativa destinada a fortalecer aos nosos estudantes e profesionais no complexo labor de pulir e perfeccionar os programas informáticos nos que estean a traballar. O curso en cuestión, que será impartido o día 25 na Facultade de Informática da Coruña, preséntase baixo o seguinte título: Xestión de probas en desenvolvemento de software. A actividade vai dirixida a tódolos profesionais, investigadores e estudantes interesados en mellorar até onde sexa posíbel o control sobre os seus produtos.
A cita, de 9.30 a 14.00 horas, insírese no Plan de Formación continua que se está a levar a cabo no CITIC, dirixido a promover a transferencia de coñecemento aos sectores público e empresarial. “Como parte desta experiencia”, sinalan os organizadores desta actividade, “e co fin de acadar meirande transmisión de coñecemento, exporanse ante tódolos asistentes a formulación e reformulación de enfoques, marcos e paradigmas de desenvolvemento cuxo obxectivo último é sempre a construción de software da mellor calidade”. Xa nun plano máis específico preténdese con esta acción formativa lograr que os participantes dominen o uso de diversas técnicas de proba, métricas de eficacia e ferramentas de todo índole encamiñadas a asegurar a máxima calidade. As persoas que queiran inscribirse deberán pórse en contacto co CITIC antes do 20 de outubro, a través da conta de correo promocion@citic-research.org.

PUBLICIDADE