A Preincubadora da Tecnópole, máis TIC ca nunca tras recibir aos gañadores ourensáns de INCUVI-Emprende

xoves, 26 de marzo do 2015 Redacción

A Tecnópole (Parque Tecnolóxico de Galicia) recibiu esta semana aos gañadores na cuarta edición dos Premios INCUVI Emprende que darán impulso ás súas iniciativas nos niños e na sala de coworking do complexo empresarial ourensán. Trátase das novas empresas iBeeAgro, MeigaLabs e Traster, os proxectos vencedores xunto con Consultoría Deportiva da cuarta convocatoria dos ditos galardóns no Campus de Ourense. Institucións e entidades colaboradoras acompañaron aos futuros empresarios nunha visita polas instalacións da Preincubadora da Tecnópole que empregarán durante o vindeiro ano a custe cero para “envolver aos estudantes nunha contorna que lles permita dar forma á súa idea e saír adiante”, como salientou o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato.
Segundo informa a institución académica, xunto aos devanditos locais os gañadores recibirán un teléfono fixo e móbil, un dispositivo de web-TV a cargo de Blusens, un bono formación de 1.000 euros para cada un dos compoñentes dos proxectos por cortesía de Abanca e a asistencia de balde a cursos e sesións organizados polas entidades patrocinadoras, ademais do seu asesoramento e experiencia “para que nun mundo apocalíptico no que todo o mundo di que non cando queres montar algo haxa xente con iniciativa e ilusión”, como asegurou Lois Babarro, presidente de AJE Ourense. Xunto con el tamén estiveron presentes na recepción representantes da Cámara de Comercio, da Confederación de Empresarios e de Expourense.
Os proxectos
Javier Pesado e Sergio Eiriz son os promotores de iBeeAgro, un sistema de seguimento e control para acadar unha agricultura máis eficiente e sustentábel nun intre no que a maioría das explotacións non dispoñen de información dos seus cultivos e as decisións tómanse de forma “correctiva” elevando os custes de produción. O proxecto abrangue un sistema que, a través de redes sen fíos de sensores, captura datos e os computa na nube para poder xestionar cultivos de calquera tamaño. O sistema é accesíbel mediante unha plataforma web na que se pode entrar a través de calquera dispositivo con conexión a Internet. iBeeAgro permite consultar o estado dos cultivos ou configurar alarmas, engadindo un caderno de explotación ou xerar e compartir en rede modelos de predición.
Outro dos niños da incubadora da Tecnópole está xa ocupada por José Antonio Tesouro, Xabier Losada e Javier López Camba, artífices de MeigaLabs, un estudo de desenvolvemento de xogos e aplicacións para dispositivos móbiles que xa ten o seu primeiro produto no mercado, Time Pirates, no que o xogador é un pirata que ten que loitar contra os soldados do rei nunha contorna en 3D. A idea destes emprendedores é aproveitar o aumento do uso destes dispositivos por parte do público, que cada vez máis os emprega non soamente para traballo, senón tamén para o seu tempo de lecer.
Outro dos proxectos vén da man de Jairo Carrera, Nicolás Álvarez, Daniel Rodríguez e Iván Estévez, os responsábeis de Traster, unha plataforma dirixida a poñer en contacto a persoas que necesitan arranxar, pór a punto ou revisar un ordenador ou solucións tecnolóxicas específicas con profesionais cualificados. A idea, din, abrollou da “necesidade que observamos de atopar xente que resolva problemas concretos, xa que o ámbito tecnolóxico é moi amplo e está en constante actualización, polo que é moi difícil que alguén saiba de todo”.
Pola súa banda, Carlos Gómez e Alejandro Rodríguez porán en marcha unha consultoría deportiva para “facer fronte ás necesidades dos distintos entes públicos e privados de dar resposta e solución” nun sector “en continua transformación e que ofrece grandes oportunidades de crecemento económico e social”.

PUBLICIDADE