A UDC dá o visto bo á súa participación na empresa TIC Appentra Solutions

martes, 17 de xullo do 2012 Redacción

O Consello de Goberno da Universidade da Coruña deu hoxe o visto bo á súa participación na empresa de base tecnolóxica Appentra Solutions, xurdida no Viveiro de Empresas universitario e na que a UDC terá unha participación se o Consello Social ratifica a decisión. A empresa Appentra Solutions, da que falamos xa en Código Cero con motivo dunha visita oficial recente, abrolla directamente da iniciativa do profesor da Facultade de Informática Manuel Arenaz Silva, do departamento de Electrónica e Sistemas, xunto con outros dous profesionais.
Entre os tres desenvolveron un produto que comercializarán en breve e que consiste nun programa que permite paralelizar as ferramentas informáticas do ordenador que teñen un alto custe computacional, “de tal forma que se aproveitan ao máximo os recursos dos dispositivos electrónicos e os optimizan para que se executen en menos tempo”, informan.
A iniciativa ten aplicacións en Fórmula 1 ou en aeronáutica, onde a execución das aplicacións leva moito tempo. Por certo que esta será a segunda empresa de base tecnolóxica na que a Universidade da Coruña teña participación, informa a UDC, despois de que a finais do ano pasado se aprobase participar en Syntheractive, con sede no Centro de Investigación de Tecnoloxías da Información e da Comunicacións, CITIC.

PUBLICIDADE