A blogueira Palmira Castro dános conta da súa experiencia abríndolle portas á Rede no rural

mércores, 18 de febreiro do 2009 Fernando Sarasketa

Palmira Castro, natural de Sardiñeiro (Fisterra), é a responsable dun dos cadernos virtuais galegos de máis complicada pronuncia, insomniorizar.blogspot.com, feito que non lle ten impedido situarse entre os máis senlleiros dos escritos na nosa lingua. Ou, o que vén sendo o mesmo: entre esas árbores virtuais que non caen nin cun temporal de forza 8 coma o sufrido hai días. O blog de Palmira, até hai ben pouco responsable da Rede de Dinamización da Sociedade do Coñecemento en Castrelo de Miño, concíbese como un blog-baliza: ten feitura de diario persoal e, tamén, de guía para petar na porta da restante comunidade internauta galega. A súa experiencia como blogueira e sobre todo como dinamizadora dixital na localidade ourensá valeulle entre outras cousas para amosar que nin sequera a Rede, de por si nova, se libra dos tópicos. Por exemplo: a vella teima de incluírnos (dende fóra pero tamén dende dentro) aos galegos e galegas entre os menos interesados por vivir na Sociedade da Información. A cousa máis ben apunta ao contrario: interese hai de abondo, máis do que todas e todos criamos.
-Como definirías o termo "dinamizadora" da Rede dun concello rural sen incluír o termo "dinamizadora"?
-Pois é unha persoa, é un axente social próximo á poboación que tenta achegar aos veciños e veciñas a Sociedade da información a través de diferentes actividades e iniciativas, favorecendo o emprego das novas tecnoloxías na súa vida diaria, atopando utilidade e servizos axustados aos seus intereses, pero sobre todo o que se vén pretendendo é converter a este axente na persoa de referencia para consultar preguntas, dubidas, inquietudes sobre a Internet.

-Como foi a resposta das veciñas e veciños de Castrelo de Miño logo destes meses de actividade da aula?
-Eu persoalmente creo que a resposta foi moi boa. Castrelo acolleu moi ben esta iniciativa dende o primeiros momentos, e esa acollida produciuse por parte dos veciños e veciñas, pero tamén por parte da propia administración local, que estivo aberta a tódalas propostas implicándose na iniciativa, e iso para min foi todo un pulo e facilitoume moito moito as cousas.

-Cres que é unha mentira máis sobre as galegas e os galegos iso que se di de que non nos importa para nada vivir no dixital?
-Quen di iso? Pois unha vez máis non me gusta xeneralizar, pero o que é unha realidade na aula de Castrelo de Miño é que esta afirmación non é certa. Todo o contrario, interese hai e moito por coñecer en gran medida o mundo dixital e a Rede e por empregar as ferramentas, aplicacións e servizos. Claro está que uns recursos teñen mais demanda ca outros. Nesta aula, por exemplo, tiveron moito éxito servizos como o Sixpac, os blogues como primeiro paso para a creacións de webs persoais e profesionais, a busca de información na Rede, ou os cursos de iniciación ao sistema operativo Ubuntu.
Moita xente deste concello participou nos obradoiros, pero tamén moita foi a xente que acudiu a aula, na procura de información e asesoramento acerca de diversos temas relacionados coa Internet, cos equipos e co software libre. Incluso é moi salientable un grupo estable de xente que participou moi activamente no día a día na aula, acudindo a obradoiros, participando en iniciativas e propoñendo actividades e contidos.
Interese hai, e eu considero que moito, incluso tiven ocasión de decatarme de que moito de ese interese non estaba a ser cuberto pola localización xeográfica da aula. Hai que lembrar que o concello de Castrelo de Miño é moi amplo, así que coido que a nova etapa do Centro virá cun movemento cara ás parroquias, onde moita xente demandou formación e charlas.

-É certo que as mulleres amosan máis interese en poñerse ao tanto de todo o que lles ofrece Internet?
-Pois nesta pregunta eu teño algo que engadir. Si, é certo que segundo as estatísticas de usuarios e usuarias das aulas da Rede de Dinamización son as mulleres as que maioritariamente acoden e participan nas aulas, mais na de Castrelo de Miño esta regra non se cumpre, xa que é maior o numero de usuarios có de usuarias. E en canto aos asistentes a obradoiros, claramente animáronse máis os homes cás mulleres. É dicir, aínda que as estatísticas sinalen que as mulleres teñen mais interese, supoño que ben, hai que ter en conta moitas cousas, é depende do concello, e do sector de idade.

-En que cres que puído mellorar a vida do concello no que traballas logo da posta en marcha da aula?
-Como dicía na primeira pregunta, a acollida no concello foi moi boa, a xente coñece, emprega e demanda que aula funcione, para os veciños a aula supuxo un espazo para atopárense, un espazo de lecer tanto para a mocidade como para os maiores, e tamén un espazo de información. Para os maiores, significou todo isto, e amais tiveron a oportunidade de atopar na aula un escenario principalmente dedicado a eles e que rachou coa súa rutina diaria. Houbo unha chea de persoas que amosaron estes meses moita ilusión pola aula.

PUBLICIDADE