A comunidade da EEI de Vigo poderá usar o software de simulación empregado nos Fórmula 1 de Ferrari

venres, 17 de outubro do 2014 Redacción

O director da EEI, Juan Pou, asinou o convenio con Gilles Lebiez, de Ansys Iberia

A Escola de Enxeñaría Industrial da UVigo vai poder botar man dun software de simulación de primeira: a ferramenta informática que tamén usan os desenvolvedores de Ferrari e Airbus. Así nolo deu a coñecer este xoves a Universidade, trala sinatura dun acordo entre a Escola e a empresa Ansys con base nos Estados Unidos, en palabras da institución galega “unha das compañías máis importantes no mundo neste eido”. O pacto, como dixemos, vai permitir aos estudantes e docentes tirar partido do mesmo programa de simulación que tamén usan en Ferrari para dar fórmula aos seus vehículos Fórmula 1. O pacto foi formalizado entre o director da EEI, Juan Pou, e Gilles Lebiez, responsábel de Ansys Iberia. Trátase, conta a UVigo do primeiro acordo no que entra en xogo unha universidade estatal para o emprego desta ferramenta.
A EEI, a través disto, alíñase acos principais centros de educación superior no ámbito da enxeñería como a Technical University of Hamburg (Alemaña), Georgia Institute of Technology (EEUU), Karlsruhe Institute of Technology (Alemaña) ou École Polytechnique de Montreal (Canadá), entre outras. Segundo engaden fontes da Universidade de Vigo, o acceso ao software Ansys permitirá aos futuros enxeñeiros e enxeñeiras formarse, desenvolver investigacións e aproveitar todas as posibilidades que lles ofrecen as solucións deste software (estrutural, térmica, fluídos, electromagnetismo...). En materia de alumnado, a ferramenta fornecerá aos estudantes “un conxunto de coñecementos aplicados acordes ás necesidades actuais das empresas, que son moi valorados no mercado de traballo e representan unha vantaxe competitiva”, sinalou Juan Pou. Pola súa parte, os profesores e investigadores disporán de módulos específicos coas mesmas condicións ós mellores centros de investigación do mundo no eido da enxeñería. “Isto suporá unha gran axuda no seu traballo e a posibilidade de avanzar máis rapidamente nos seus proxectos”, engadiu o director da EEI.

PUBLICIDADE