A curta galega 28D compite no certame en liña Notodofilmfest

xoves, 2 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

O certame audiovisual NotodoFilmFest, desenvolvido todo el na Rede e para a Rede, contará este ano, unha vez máis (logo de participacións tan senlleiras como a de Edu Lavandeira), con presenza galega. Así nolo recordan dende a Universidade de Vigo, que informa polo miúdo da admisión a concurso, no devandito festival, dunha curtametraxe de tituladas/os en Comunicación Audiovisual, cuxa Facultade, lembraremos, emprázase en Pontevedra. Segundo se apunta, as novas promesas xurdidas do devandito centro “non saben de barreiras nin de xerarquías”, e deste coñecemento, ou mellor dito desta falta de coñecemento, é de onde abrollan os folgos para presentarse coa curta titulada 28D a NotodoFilm, un dos festivais en liña máis importante do panorama estatal e de máis alá.
A peza en cuestión, engádese, competirá nunha sección coordinada polo director afincando en Galicia José Luis Cuerda, que foi quen, precisamente, achegou a idea para a curta. Para os responsábeis da obra, o feito de figurar entre os 17 proxectos aceptados para competir no festival é xa en si unha magnífica nova. “Xa nos damos por satisfeitos con que Cuerda vexa un traballo feito por alumnado de Comunicación Audiovisual de Pontevedra”, conta Bibiana Juanes, directora do proxecto e voceira do grupo. A base da curta, como dixemos, está nunha idea do propio director de A lingua das bolboretas. Súa é a sinopse achegada no certame como testemuña para ser recollida polos novos directores. Tratouse polo tanto dun importante reto creativo, materializar a devandita proposta argumental e desenvolvela, reto asumido desta volta por un grupo de tituladas e titulados en Comunicación Audiovisual formado por Bibiana Juanes, Adrián Carrón, Ana Eiras, Elena Pérez, Iago Sánchez, Pablo Lamosa, Sarai Sánchez, Rubén Lino, Manuel Gago, Omar Juan Ietum, lnés Dosil, Sara Pérez, Noelia López e Lidia Montes. Ao seu xuízo, NotodoFilmFest é unha plataforma idónea para darse a coñecer “pois goza de recoñecemento e publicidade, ademais de ser un concurso que ve moita xente que pertence ao audiovisual”.

PUBLICIDADE