A dixitalización da Xustiza dará un importante salto en Galicia

xoves, 12 de xuño do 2014 Redacción

A reunión permanente del Comité técnico estatal da Administración Xudicial Electrónica (CTEAJE), que se celebrou esta mañá na Cidade da Cultura, presidida polo Secretario Xeral de Xustiza, Joaquín Silguero, e na que participaron a directora da AMTEGA, Mar Pereira e o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, en representación de Galicia e os responsables dos departamentos de xustiza e informática de Aragón, Navarra, Canarias, Cataluña, País Vasco e Valencia, abordou temas como a nova funcionalidade do sistema Lexnet que permitirá a presentación de demandas de xeito electrónico ou a incorporación de documentación a un procedemento en marcha por parte de avogados, procuradores e outros axentes xurídicos de Galicia, que nas vindeiras semanas botará a andar nas provincias de A Coruña e Pontevedra, para chegar máis adiante ao resto da nosa Comunidade.
Galicia é unha das primeiras comunidades en activar este novo servizo do sistema Lexnet, dentro das actuacións definidas no Plan Senda para a integración das TIC na Xustiza, que está a desenvolver a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia en colaboración coa Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.
O sistema de comunicacións Lexnet permitía ata agora a Administración de Xustiza remitir notificacións electrónicas aos axentes xudiciais. Coa activación desta nova funcionalidade os profesionais do eido xudicial poderán presentar tamén demandas e escritos de mero trámite nos xulgados, é dicir, incorporar documentación a un procedemento en marcha.
Esta medida contribúe a eliminación de papel nos trámites administrativos, á redución de tempos de procedemento, facilita a integración directa cos sistemas de xestión procesual e mellora da calidade da información. Todo isto nun contexto dixital con todas as garantías xurídicas.

Participantes da xuntanza do CTEAJE celebrada hoxe na Cidade da Cultura

PUBLICIDADE