A galega Arantia presenta en Santiago un centro de lecer multimedia que integra a Rede coa televisión dixital

venres, 22 de febreiro do 2008 Fernando Sarasketa

A galega Arantia, filial de Televés, abriu hoxe en Santiago un novo camiño a prol da converxencia dixital vinculada á televisión e a prol (tamén) dun novo tipo de fogar onde o usuario é máis dono ca nunca do que lle rodea, incluído o que lle chega á pantalla do televisor, sobre o que decide a calidade e a cantidade sen ningún tipo de limitación. Estes son algúns dos piares sobre os que descansa a plataforma Arantia World, que foi presentada no Hostal dos Reis Católicos por Jacobo Penide e Lorena Domínguez, director e directora de I+D da firma galega, e que consiste basicamente nun servizo que converte a nosa casa nun centro de lecer multimedia onde todos os dispositivos do fogar poden estar conectados e (tamén) nunha “potente rede de redes". O único que se precisa: un aparello de televisión e unha conexión a Internet. O resto, tratándose dun servizo que pon ó usuario máis ó mando da súa casa, é cousa nosa.
Por exemplo: elixir o contido que imos ver entre unha amplísima oferta de contidos que son unha mestura (unha converxencia) entre as positividades da televisión dixital e as da Rede. De feito, este é outro dos seus piares: unir dous mundos ou, mellor aínda, sumalos.
Arantia World, que é un proxecto cen por cen galego dende a súa raizame até o intre en que se poña no mercado (a finais do vindeiro verán), opera grazas a un Home Digital Center, que é o miolo do desenvolvemento. A través del, poderemos recibir todos os servizos dixitais multimedia, tanto da televisión dixital como da Rede. É ademais un nexo de unión entre os diferentes aparellos en liña que teñamos na nosa vivenda, tirando partido de calquera rede dispoñible no noso espazo doméstico, ben sexa de fío coaxial, de liña telefónica ou mesmo de rede eléctrica. Isto significa, entre outras moitas cousas, que dará igual en que recanto do fogar nos atopemos para sacarlle proveito á plataforma.
Arantia inclúe polo tanto tres elementos: o devandito centro dixital (que é por dicilo así a parte máis física do equipo, un aparello con semellante feitura a certos decodificadores que xa hai no mercado), a rede que se establece na propia casa botando man de calquera tecnoloxía e tipo de acceso e, por último, a plataforma de servizos e contidos, que é a parte do desenvolvemento que se comunica directamente con nós os usuarios e que ben pode ser entendida como o portal de entrada.
Respecto ó seu prezo, o equipo Arantia World estará no mercado a un custo de menos de 300 euros, segundo explicaron os responsables da empresa compostelá durante a súa presentación, coa idea de que logo os clientes poidan gozar dun concepto de servizo “sen cuotas”. Isto significa en parte que seremos responsables (dependendo da escolla que fagamos) do que se paga cada mes, estando á nosa disposición todo tipo de contidos de balde e outros, como por exemplo o que se refire ó aluguer de filmes, de pago.
Arantia é unha compañía galega que leva dende hai dous anos achegando solucións de televisión dixital interactiva e traballando a prol da converxencia entre esta tecnoloxía, Internet e o acceso de vídeo baixo demanda. Arantia World pode ser considerado o seu primeiro gran froito neste eido aplicado ó fogar.
Neste intre, a empresa está a afrontar un importante proceso de internacionalización, afianzando a súa presenza en mercados como o de Portugal, Francia, Italia ou mesmo Rusia.

PUBLICIDADE