A galega Disashop loce o seu quiosco autoservizo na Super Mobility Week de Las Vegas

martes, 23 de setembro do 2014 Redacción

A empresa galega Disashop, centrada en distribución de produtos electrónicos prepagamento, levou até a Super Mobility Week de Las Vegas o seu quiosco autoservizo. A firma -con sede en Betanzos- foi unha das cinco empresas españolas participantes no encontro que tivo lugar na cidade estadounidense os pasados días 9, 10 e 11 de setembro. E que se pode atopar na Super Mobility Week? Pois estamos perante unha das feiras internacionais de telefonía móbil máis importantes de Norteamérica, na cal teñen cabida as últimas novidades e innovacións do sector. A esta xuntanza anual acudiron arredor de 40.000 profesionais das telecomunicacións, sendo o acto cuberto por máis de 1.000 medios de comunicación procedentes de todo o mundo.
A representación galega, que corría a cargo de Disashop, presentou para a ocasión a adaptación do seu terminal autoservizo para o mercado estadounidense. Estes terminais fabrícanse integramente na súa planta de Coirós (A Coruña), contando na actualidade con máis de 2.500 unidades instaladas nos 5 países nos que a multinacional está presente. Ao evento asistiron os directivos da matriz galega así como da filial americana. Trátase, en palabras dos responsábeis da firma galega, “dunha clara aposta polo crecemento e consolidación da compañía nos EE UU, actualmente con sede en Miami e con operacións en 8 estados”.
A participación da empresa galega resultou positiva xa que concluíu co peche de contratos con algunhas das principais operadoras de telefonía móbil do país para a subministración de produtos electrónicos, como recargas prepagamento ou pinless. Asemade, Disashop chegou a acordos en firme con algún dos maiores distribuidores do país para a venda dos seus terminais autoservizo.

PUBLICIDADE