A inmobiliaria galega Lares ofrece tecnoloxías de realidade virtual para buscarmos inmóbeis na Rede
martes, 12 de abril do 2016
A listaxe de posíbeis
usos útiles da realidade virtual é infinita. Só fai falta ter o bo
tino de atopar a ligazón axeitada: a idea precisa. Isto é o que vén
de facer a axencia galega
Lares, emprazada en Cangas, que xunta nun novo servizo
inmobiliario de seu as vantaxes da realidade virtual co potencial (a
maiores) dos vehículos aéreos non tripulados (os drons). O
proxecto, en realidade, xa está en marcha. Dende Lares informan que
os seus clientes xa poden tirar partido para as súas buscas dunha
“maneira revolucionaria de amosar os inmóbeis a través de
Internet”, posíbel grazas á aplicación das ditas tecnoloxías.
Chámase Lares 360 e a
continuación damos conta dos antecedentes directos.
A idea, sinalan, é unha
idea anti-crise. En certa maneira, é a contribución de Lares á
loita do noso sector por “saír adiante”, un sector que viu nos
últimos anos como diminuía o volume de operacións de venda e que
foi testemuña do peche dun número significativo de axencias.
Sen ir máis lonxe, en
Cangas (onde opera Lares) no 2010 traballaban 9 firmas deste sector,
“onde hoxe só traballan 5, o que supón unha redución superior ao
44%”, sinalan os responsábeis da empresa, que engaden que as
firmas enfróntanse hoxe en día a múltiples retos: “Amais do
desafío que supón a transformación do mercado, as axencias teñen
diante un desafío maior, o de Internet e os novos perfís de
clientes, cada día máis autónomos no acceso ao mercado de inmóbeis
e máis esixentes co servizo ofertado polos intermediarios”.
Con esta situación, os
impulsores de Lares quixeron romper dende a súa orixe (en 2010) co
concepto tradicional de inmobiliaria, arela que vén de adquirir
recentemente unha nova dimensión (coa súa aposta decidida e firme
pola realidade virtual). Segundo nos contan, “dende o comezo
encaramos un desafío técnico e humano para que conseguir que os
usuarios que nos visitaran puideran elixir as propiedades ofertadas
dunha maneira sinxela, realista e exhaustiva a través da Rede”.
Así, e logo de “lograr que moitos clientes entraran na oficina de
Lares cunha vivenda previamente seleccionada co material dixital”,
veñen de abrir un novo capítulo na súa andaina innovadora con
Lares 360, o seu proxecto para
incorporar na actividade diaria cos internautas as vantaxes da
realidade virtual: amosando “dende outro ángulo” as propiedades
rexistradas.
Esta iniciativa foise
consolidando aos poucos pero sen pausa. Primeiro foron creadas as
Visitas Virtuais, presentacións audiovisuais comentadas por técnicos
inmobiliarios que tiveron, en palabras de Lares, “un impacto
importante”, tanto a nivel local como estatal. Trátase, sinalan,
“dun modelo de éxito en auxe e que axuda aos clientes a revisar as
propiedades dende Internet”. A día de hoxe aseguran estar
recibindo chamadas de xente de toda Galicia para recabar información
sobre esta fórmula, “que amais de información exhaustiva e útil,
achega máis proximidade e familiaridade nun sector que pensamos que
o precisa”, explican.
Máis tarde, en 2015,
chegou a perspectiva aérea co afianzamento dos drons. Trátase do
servizo Lares Visión, un proxecto que requiriu dun importante
traballo de documentación, de rexistro audiovisual (realizado polos
propios profesionais de Lares) e de “compromiso estético”, un
punto este no que tiveron ocasión de aproveitar o coñecemento
adquirido ao longo destes anos.
Polo que atinxe a este
ano 2016, apuntan, será o intre de “converter” a Lares nunha
empresa operadora de voo. “Desta maneira”, explican,
“axilizaremos a inclusión do vídeo aéreo de maneira habitual na
visita virtual”. Segundo contan, integrar os drons na organización
“foi un proceso que durou meses e que estamos a piques de
conseguir”. Para isto, contaron dende o principio co apoio de
empresas colaboradoras, estatais e estranxeiras. Por exemplo o de
Birdeye, firma dinamarquesa que puideron visitar en 2013 e que é
pioneira a nivel europea no emprego de vehículos aéreos non
tripulados para a produción audiovisual. Máis recentemente, Lares
traballou co Aeroclub de Lugo, unha ATO aprobada pola Axencia de
Seguridade Aérea para expedir os certificados esixidos para operar
un dron en España segundo a lexislación vixente.
Polo que atinxe a Lares
360, o gran proxecto de 2016, sinalar que as súas primeiras
probas están “a deixar fonda pegada nas Redes”, informan,
salientando o elevado nivel de realismo e interactividade que pon en
xogo esta iniciativa, amais do factor “inmersión” aplicado, que
devén nunha sensación “máis intensa de estarmos dentro da
propiedade seleccionada”. E xa sexa dende o computador, como desde
o móbil ou usando dispositivos como lentes VR.
“Todos os que descobren
LARES 360 fican abraiados”, recalcan os responsábeis da empresa de
Cangas, que xa están animados a “seguir traballando para incluír
a realidade virtual nunha liña de visitas audiovisuais para o
vindeiro inverno”. Para os impulsores de Lares non hai dúbida
posíbel: o ano en curso será o ano das realidades alternativas, e
así o indica a chegada esta primavera de dispositivos de VR máis
avanzados, como
por exemplo Oculus Rift, das que falamos recentemente en Código Cero
para salientar algunhas das súas principais características.
Vídeo de exemplo de Lares 360