A nova política de privacidade de Spotify desata unha polémica inxustificada

venres, 21 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Tras publicarse o que sería a nova política de privacidade de Spotify, a reacción dos usuarios foi furiosa, temendo pola súa intimidade, o que levou a que o propio director xeral da compañía, Daniel Ek, a pedir perdón polo acontecido e publicar un comunicado no que da conta do que pretenden realmente ao mudar as súas condicións de uso.
Estamos ante o que parece un simple erro de comunicación, xa que na nova política de privacidade indícase que Spotify pode pedir permiso para acceder a novos tipos de información, como fotografías, localización do dispositivo, controis de voz e contactos, pero resulta que iso non quere dicir que Spotify faia acceder a tal información á forza, senón que permite que o usuarios decida se quere conceder tal permiso á aplicación para permitir certas funcionalidades nas que están a traballar.
Por exemplo, se autorizamos a Spotify a acceder ás nosas fotografías o que significa é que facilitamos a utilización das imaxes que teñamos no noso dispositivo móbil para, por exemplo, poder personalizar a portada dunha listaxe de reprodución (o sistema nunca compartiría unha imaxe sen o permiso do usuario); sobre a localización o sistema aproveitaría tal dato para realizar recomendacións en función do tipo de música que estea de moda no noso contorno; ao facilitar o acceso ás funcións de voz Spotify non espiará ao usuario, senón que permitirá que en futuras versións se desenvolvan controis por voz da aplicación; co acceso aos contactos pretende crearse unha funcionalidade para poder buscar se algún dos contactos dos móbiles usa Spotify (Spotify non importaría tal información sen permiso); e finalmente, tamén fanse mencións a anunciantes, propietarios de dereitos de autor e operadores móbiles, que simplemente indican que Spotify comparta certa información básica cos seus socios para que poida funcionar axeitadamente o seu sistema publicitario, pero en ningún caso significa que se ceda a información persoal dos usuarios a terceiros.
En definitiva, que a política de privacidade simplemente axústase a funcionalidades que van ir incorporando á aplicación de Spotify, e que procurarán explicar mellor nunha nora redacción que publicarán nas vindeiras semanas, para evitar a preocupación dos seus usuarios.

PUBLICIDADE