A web da compostelá Sdweb obtén un recoñecemento internacional ao deseño

martes, 13 de abril do 2010 Raquel Noya

A empresa Sdweb, ubicada en Santiago de Compostela, vén de obter o recoñecemento da American Design Awards, uns premios considerados os “oscars do deseño web”, converténdose na única, a nivel galego e estatal que acadou este premio no pasado xaneiro de 2010.
A prestixiosa institución americana premiou o portal web corporativo polo seu deseño innovador, valorando diferentes aspectos como a usabilidade, a accesibilidade e o cumprimento de estándares (WAI – AA).
Os American Desing Awards, creados no ano 2000 para premiar mundialmente o deseño web, é un estamento privado estadounidense que funciona como un dos máis prestixiosos avaliadores do deseño multimedia. Os seus membros están repartidos por todo o mundo, votando polos proxectos máis innovadores. Valoran a creatividade, a eficacia, o sentido práctico e a ética (cumprimento de estándares internacionais) dos portais web.
Nesta ocasión (premios Xaneiro 2010) a empresa galega Sdweb, foi a única empresa española que obtivo este galardón, o cal, en palabras de Brais Martínez, director de proxectos de Sdweb, “supón un incentivo ao noso traballo e anímanos a continuar remando na mesma dirección”.
As premisas desta empresa galega no ámbito da comunicación dixital son “captar a idea do cliente, transmitir a filosofía da súa organización, aplicar unha estratexia de comunicación e tentar fidelizar aos seus consumidores”.
O resultado son, como podemos ver na web premiada, ferramentas que facilitan os procesos e a comunicación, cun acceso sinxelo ao usuario e un deseño limpo.

PUBLICIDADE