A web de Baía Edicións permite que nos asomemos ao miolo dos seus libros

mércores, 23 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

A empresa galega Baía Edicións vén de introducir unha serie de melloras na súa face web. Ás incorporacións precisas para achegarlles aos internautas visualizacións do interior dos libros do seu catálogo (co fin de axudar aos usuarios da Rede a facerse unha idea clara do conxunto total da obra, case igualiño que se estiveran na libraría remexendo e esculcando nos volumes), incorporacións postas en marcha ao longo deste ano, hai que sumarlle agora un novo reclamo para os seareiros da lectura en galego. Falamos da posta en funcionamento, na sección de narrativa da web de Baía Edicións, dun servizo que nos permite introducírmonos nun capítulo de cada un dos libros de narrativa que a editorial ten habilitados en liña.
O obxectivo é semellante ao anterior e comparte certos elementos coa posibilidade ofrecida por algunhas iniciativas web de ofrecer escoitas de obras musicais antes de compralas. A novidade ten un gran interese para calquera persoa que estea afeita á lectura e non require grandes coñecementos informáticos para o seu uso: simplemente facer clic onde se nos ofrece a lectura do capítulo, que de contado teremos na pantalla en formato pdf.

PUBLICIDADE