Pintos&Salgado achéganos solucións ao problema da privacidade na Rede

martes, 20 de febreiro do 2024 S. P.

A protección da privacidade na Rede é un tema que xera moito debate en materia de lexislación dixital. Así, estes arquivos de texto que almacenan información dos usuarios son fundamentais para garantir a privacidade, isto ocasiona unha análise de como xestionar os principais sitios web que xeran contido.
Nestes últimos meses, cada vez máis portais de Internet contan cun aviso de cookies distinto ao que o usuario medio estaba afeito: se antes as opcións radicaban nun aceptar ou configuralas (limitando as posibilidades de rexeitalas), agora ou se accede a entregar os datos persoais ou, en pola contra, toca pagar unha subscrición para poder navegar polo sitio web sen restricións.
Nese punto é no que reparan Pintos&Salgado, despacho de avogados da Coruña centrado en dereito dixital, a través de Teresa Regueiro, profesional especializada en protección de datos. Para Regueiro “a nova maneira de xestionar estas cookies informáticas responde ás actualizacións da Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) na súa guía de cookies lanzada fai menos dun ano, e que buscaba promover unha maior autonomía do usuario na súa xestión de datos”.
“No pasado, aceptabamos as cookies sen máis, porque nin sequera se nos achegaba unha posibilidade directa de rexeitalas. Era un consentimento forzado, cando debe ser unha manifestación de vontade libre, informada e inequívoca”, continúa Teresa Regueiro.
Desde Pintos&Salgado exponse se esta nova fórmula de consentimento de cookies, baseada principalmente nun muro de pago, tamén respecta iso: estamos a aceptalas libremente cando a alternativa implica un desembolso económico.
Con este novo cambio en canto a directrices legais da nova guía de cookies da Axencia Española de Protección de Datos, que nun principio pretende mellorar a transparencia e empoderar ao usuario sobre o control da súa información persoal, podería desembocar no efecto contrario: renunciar á nosa privacidade para acceder aos contidos, salienta a avogada especialista en dereito dixital
Teresa Regueiro é clara: “esta práctica de obrigar a pagar por rexeitar as cookies o que está a facer é mercantilizar a nosa privacidade. E non só iso, senón que “impedir a navegación por negarnos a ceder os nosos datos tamén comprometería dereitos fundamentais como o acceso á información e á diversidade e pluralidade de fontes informativas”, segundo Regueiro.
Perante esta dobre opción: pagar con datos ou con diñeiro, desde Pintos&Salgado téñeno claro: o usuario seguirá optando por sacrificar a súa privacidade.
O bufete coruñés non quere deixar pasar a oportunidade de achegar unha solución intermedia para usuarios e portais web, principalmente medios de comunicación, que presenten este muro de pago.
“A opción máis equilibrada pasa por ofrecer un contido máis amplo aos consumidores que acepten cookies ou se subscriban e outros máis limitados aos que non desexen prestar os seus datos”. Desta maneira, os medios de comunicación que estruturan o seu modelo de negocio en base ás cookies poderían continuar empregándoas, pero sen pór en risco dereitos fundamentais dos usuarios.

PUBLICIDADE