Apple vese obrigada a pedir perdón polo anuncio do novo iPad Pro

xoves, 9 de maio do 2024 Marcus Fernández

Estamos afeitos a ver como Apple é unha compañía que coida moito a súa imaxe e a súa comunicación, pero na presentación dos novos iPad Pro o pasado martes estreouse un anuncio que confirmou o perdidos que están na compañía da mazá coa sensibilidade actual no ámbito da creación, moi ameazado nos últimos meses pola emerxencia da IA xenerativa.
O novo anuncio do iPad Pro, titulado Crush!, amosa unha prensa na que están situados obxectos asociados á creación como un metrónomo, un reprodutor de discos de vinilo, un televisor de tubo, un busto, numerosos instrumentos musicais, unha máquina recreativa, un lenzo, botes de pintura, un equipo de edición de vídeo, unha máquina de escribir, un xadrez, cámaras, obxectivos, un manequín articulado, cadernos, pinceis e mesmo figuras que representaban a videoxogos e emoticonas, que se ven totalmente esnaquizados mentres se escoita o tema All I Ever Need Is You de Sony & Cher para transmitir a impresión de que todas esas cousas collen agora no delgadísimo novo iPad Pro.
Esta mensaxe podería terse entendido positivamente noutra ocasión, pero no contexto actual foron moitos os que interpretaron o anuncio como a tecnoloxía destruíndo a historia da creatividade humana, considerando que Apple estaba a ofender ao colectivo de creadores que foi o que sustentou a compañía da mazá cando non era tan popular.
Ante esta situación dende Apple pediron desculpas por ter ofendido aos creadores co seu anuncio, recoñeceron terse equivocado no xeito de transmitir a súa mensaxe e confirman que o vídeo promocional non se exhibirá en televisión.
Sen dúbida, unha lección que a compañía debe aprender, especialmente de cara á conferencia para desenvolvedores do mes de xuño, cando está previsto que presenten numerosas funcionalidades relativas á IA para dispositivos de Apple, polo que terán que ter sumo coidado para conseguir un equilibro entre a innovación tecnolóxica e o respecto pola creación humana.

Vídeo co polémico anuncio do iPad Pro

PUBLICIDADE