Arranca o Reto Edison 2015

mércores, 29 de xullo do 2015 Redacción

FICOD, Endesa, Ferrovial, Intel, Repsol, Santander e Telefónica Open Future veñen de xuntar forzas para pór en marcha unha nova edición do Reto Edison, un concurso de ideas que inclúe formación, fornece hardware e impulsa con mecenado os proxectos dos seus participantes. Os gañadores presentarán os seus proxectos, baseados na placa Intel Edison, ante o xurado do certame na próxima edición do Foro Internacional de Contidos Dixitais (FICOD), que se celebra en Madrid do 1 ao 3 de decembro. Trátase da segunda edición do desafío, cuxo obxectivo é a procura de solucións innovadoras sobre a potencialidade dos módulos Edison no novo mercado da Internet das Cousas.
Aos participantes desta nova convocatoria exporánselles catro retos en Eficiencia Enerxética, Turismo, Novos servizos dixitais e Innovación aberta. Á súa vez, os participantes estarán divididos en dúas categorías; Empresas e profesionais, para PEME, start-ups e autónomos que presenten un prototipo funcional, e Promesas para estudantes e desenvolvedores que opten por unha idea orixinal.
Durante o mes de outubro levaranse a cabo seis obradoiros en diferentes cidades de España, entre as que se contan Madrid, Bilbao, Málaga, Zaragoza ou Barcelona. O obxectivo destas citas é “capitalizar a oportunidade que brinda a Internet das Cousas, fomentando a innovación e a creatividade neses retos expostos polas compañías participantes”. Cada un dos obradoiros, impartidos por Movilforum, está pensado para un máximo de 50 asistentes, que recibirán gratuitamente un módulo Intel Edison que lles axudará a desenvolver a súa proposta de face ao certame final. A asistencia a estes workshops non é un requisito indispensábel para participar no Reto Edison.
Tras eles, comezará o proceso de selección das ideas orixinais e dos prototipos con Intel Edison na plataforma Openfuture.org, onde os participantes poderán aloxar unha presentación de tres minutos sobre cadansúas achegas. Esta etapa arrincará o 15 de setembro e ten como data límite o 16 de novembro. De entre todos os proxectos presentados seleccionaranse oito gañadores, cuxos autores terán que facer unha presentación final na vindeira edición de FICOD, o salón da economía dixital promovido polo Ministerio de Industria a través de Red.es. Haberá catro gañadores da categoría Empresas e profesionais, e catro gañadores da categoría Promesa.

PUBLICIDADE