Arteixo Telecom confirma viabilidade para saír da situación de concurso

venres, 2 de maio do 2014 Redacción

Arteixo Telecom semella ter finalmente futuro, logo de ter afrontado importantes problemas financeiros (declarouse en concurso de acredores e suspensión de pagos) e de que os traballadores da propia empresa se puxeran en pé de guerra para pedir o mantemento dos seus postos e da propia compañía TIC galega. Pois ben, uns e outros levan anos loitando pola supervivencia da empresa e hai sinais que indican que pode ser posíbel. Arteixo Telecom, firma especializada en desenvolvemento (propio) de tecnoloxías de comunicación, vén de informar que xa acadou acredores de abondo para apoiar o seu plan de viabilidade e despedirse definitivamente da focha do concurso.
Máis en detalle, Arteixo Telecom conseguiu máis da metade dos apoios, porcentaxe que podería incrementarse se os provedores de fóra de España dan superado certos atrancos legais para xuntar forzas arredor do novo plan. A empresa con sede nas Pontes, que arestora ten 140 empregados dos 200 que chegou ter antes da crise, agradeceu a confianza depositada nela agora por parte dun importante número de firmas subministradoras e de entidades bancarias, entre as que se contan NCG, Sabadell, Catalunya Banc, Banco Popular ou Santander. Segundo informou Javier Grandal, director financeiro da empresa galega, a partir deste intre o importante é xuntar e afianzar o financiamento preciso “para poder acometer as previsións reflectidas no plan de viabilidade, e estar preparados para superar as devanditas previsións para cando o mercado da electrónica industrial se recupere”.

PUBLICIDADE