As operadoras recomendan felicitar o 2010 un minuto antes das doce para evitar o atasco telefónico
martes, 29 de decembro do 2009
A falta de algo máis de dous días para
que poidamos despedir o 2009 e recibamos o 2010 coa boca chea das tradicionais
uvas da sorte, as operadoras de telefonía xa se están a frotar as mans pensando
nos beneficios que meterán no peto polas chamadas e mensaxes de felicitación
realizadas polo ano novo.
E non é para menos xa que se agarda que
ás 00:00 horas do vindeiro 31 de decembro, se envíen uns 25 millóns de SMS,
unha cifra que ano a ano increméntase paseniñamente e que nesta ocasión
permitirá facturar uns 7 millóns de euros.
Porén, as autoridades xa están comezando
a advertir que dos 25 millóns de SMS que se envíen á primeira hora do ano novo,
“unha parte importante” non chegará
ao seu destino, debido á gran saturación das redes.
E é que todo o mundo quere facer o mesmo
ao mesmo tempo, e pasadas as doce, arrebolámonos cara o teléfono móbil para
tratar de felicitarlle o novo ano a todos cantos coñecemos, algo que en moitas
ocasións é inútil xa dende o primeiro intento.
Para evitar isto, a operadora catalana Lleida.net, que se presenta como “a primeira operadora de SMS do país”,
vén de presentar a súa particular solución: enviar as tradicionais
felicitacións un minuto antes de que remate o 2009 programándoos na súa
plataforma con tanta antelación como desexemos, de maneira que sexan enviados
automaticamente ás 23:59 horas.
Se ben é certo que non tiveron que
esmagar moito os miolos para dar con esta solución (pois xa o pensaramos outros
moitos antes de decidir non enviar ningún SMS por estas datas), tamén é verdade
que con esta opción, os clientes evitan ter que redactar os SMS no momento e
estar pendentes de que cheguen ao seu destino.
É por iso que se non podemos pasar sen
ser os primeiros en felicitarlle o 2010 aos nosos amigos e familiares, o que
podemos facer é acceder a Lleida.net ou descargar de balde o programa da
operadora no ordenador e enviar as mensaxes programadas cun custe mínimo de 9
céntimos e máximo de 12 por mensaxe.
Segundo a firma, é válido para todos os
tipos de móbil e operadoras de telefonía, e “xa teñen 500.000 SMS programados na súa cola de envíos en Noitevella”.
