Até 600 estudantes de toda Galicia participan este venres na Competición de Robots da UVigo

xoves, 18 de abril do 2024 S. P.

O Campus de Vigo acolle este venres a sétima edición da Competición de Robots da UVigo. Participarán arredor de 600 estudantes de institutos e universidades de toda Galicia poñendo a proba os seus robots na EE Industrial. A cita comezará ás 10.00 horas deste venres 19 e está dirixida a estudantes de ciclos medios, PAS, PDI e público externo. Organiza a Escola de Enxeñaría Industrial. Haberá dúas categorías: Be-Robot e DeMO-Robot.
Tras a grande acollida da pasada edición, que en abril de 2023 puxo fin a tres anos de parón de pola pandemia, a Competición de Robots que organiza a Escola de Enxeñería Industrial regresa ao campus de Vigo este 19 de abril con varias novidades que farán máis atractivo o concurso, entre elas a estrea de novos tapices para as probas e un kit mellorado para montaxe dos autómatas.
Como dixemos, a competición dividirase en dúas categorías, BE-Robot para estudantes de ESO e Bacharelato e DeMO-Robot para alumnado de ensino superior, tanto ciclos de formación profesional como de graos universitarios. En cada unha delas, e partindo dun kit básico, os equipos deberán montar e programar un robot móbil co que participarán nunha serie de probas e retos. A finalidade deste evento, que no curso pasado reuniu máis de 600 mozos e mozas das catro provincias galegas, é que as e os participantes se familiaricen de forma simple, práctica e divertida coa robótica.
Programa da competición:
10.00 – 10.30 Inscripción e quentamento de BE ROBOT
10.45 Inicio competición categoría BE ROBOT
10.45 – 11.15 Primeira proba: Sigue-liña marchoso
11.15 – 12.15 Segunda proba: Velódromo mareante
11.30 – 12.00 Inscripción e quentamento DEMO ROBOT
12.00 Inicio competición categoría DEMO ROBOT
12.00 – 13.45 Probas competición categoría DEMO ROBOT
12.30 – 13.45 Finais por categoría BE ROBOT (1º+ 2º ESO, 3º+ 4º ESO, 1º+ 2º Bacharelato)
14.00 – 14.30 Entrega de premios no salón de actos da escola

PUBLICIDADE