Balidea pon a punto o xestor de citas do Servizo de Saúde de Cantabria

martes, 19 de xullo do 2016 Redacción

A empresa galega Balidea, centrada no sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), encárgase dende 2013 do soporte, mantemento e evolución do Xestor de Citas Corporativo do Servizo Cántabro de Saúde (SCS) e arestora veñen de anunciar unha mellora do mesmo. Esta aplicación intégrase con todos os sistemas corporativos do SCS, permitindo unha xestión centralizada da información, cun volume de máis de 2,5 millóns de citas anuais.
E cales son as vantaxes coas que conta esta plataforma? Pois permite rexistrar e xestionar de maneira centralizada toda a información administrativa e asistencial relativa á petición dun servizo de atención especializada, como unha proba cirúrxica ou diagnóstica e unha consulta, realizadas dende un centro de atención primaria ou especializada. Fai máis sinxela a sincronización de datos relativos a doentes, centros, hospitalizacións e persoal facultativo, axilizando a axeitada coordinación de datas e horas no caso de citas múltiples, entre outras cousas.
Cómpre sinalar que o xestor de citas corporativo do SCS salienta tamén polo seu doado manexo, cunha interface moi visual e intuitiva. Amais, a ferramenta é totalmente parametrizábel e modificábel, o que fai máis doado o seu desenvolvemento e mellora continuas.
Engadir, por último, que esta achega está operativa en todos os hospitais que conforman o Servizo Cántabro de Saúde: o Hospital Universitario Marqués de Valdecilla, os hospitais comarcais de Sierrallana y Tres Mares e o Hospital Comarcal de Laredo.

PUBLICIDADE