Barbie faise enxeñeira informática

xoves, 2 de decembro do 2010 Marcus Fernández

A situación da muller no sector TIC non é todo o bo que debera, e hai un par de anos un estudo do Observatorio Galego da Sociedade da Información recollía que apenas a cuarta parte do cadro de persoal das compañías deste ámbito era feminino, resultando a situación moito máis acusada se miramos ao cadros directivos e técnicos, quedando as mulleres relegadas a labores administrativas, o que parece vir provocado por prexuízos culturais moi instaurados na nosa sociedade (e trasladables a boa parte das enxeñarías), polo que a moitos sorprenderá que sexa o fabricante de xoguetes Mattel que veña a defender o papel da muller no mundo da informática ao comercializar un modelo de Barbie que é enxeñeira informática.
O boneco vén de chegar ás tendas norteamericanas a un prezo de 12,99 dólares e segundo Engadget é unha versión actualizada do modelo que puido verse na Feira de Xoguetes de New York, substituíndose o seu teléfono móbil de cor rosa por algo semellante a un iPhone, o que explícase polo feito de que Barbie teñan unha aplicación na App Store chamada I Can Be na que ilustran a chegada das profesións ao mundo da boneca de Mattel mediante xogos que permite tomar o papel de pizzeira, reposteira ou veterinaria (a liña de xoguetes I Can Be tamén inclúe outras profesións coma dentista, estrela de rock, presentadora de televisión, niñeira…).
A Barbie enxeñeira informática vai vestida cunha roupa un tanto funky, cunha camiseta estampada con código binario; tamén leva un auricular Bluetooth, un móbil, un portátil con seu maletín, todo cunha estética propia do mundo rosa desta boneca que non é a primeira vez que fai un achegamento ao sector da informática, pois no mercado hai tempo que están presentes ordenadores portátiles de xoguete (para cativas) e incluso netbooks e portátiles ordinarios (en cor rosa ou con deseños de carcasa propios de Barbie).


Explicación do deseño da Barbie enxeñeira informática

O modelo inicial da Barbie enxeñeira informática que puido verse na Feira de Xoguetes de New York

PUBLICIDADE