BlaBlaCar xa ten 139.000 usuarios galegos

xoves, 6 de outubro do 2016 Redacción

Os responsábeis do servizo BlaBlaCar (a plataforma colaborativa para compartir gastos de viaxe) veñen de facer un novo informe sobre o seu “estado de saúde” na nosa terra, un reconto de cifras que complementa o publicado este mesmo ano pola mesma empresa e con semellantes obxectivos, do que dimos conta en Código Cero. Segundo se fai saber na nova investigación, a plataforma xa ten 139.000 usuarios galegos, aproximadamente 14.000 máis ca na pasada primavera. Isto guinda unha taxa de medre do 12%.
A clave deste crecemento estivo no verán, a época do ano na que con toda probabilidade máis se viaxa. Segundo sinalan dende BlaBlaCar, ao longo dos meses de xuño, xullo, agosto e setembro, “galegas e galegos de todas idades puxéronse en contacto a través da rede social para compartiren os gastos dos seus desprazamentos”.
Respecto das cifras estatais, a comunidade xa está integrada por 3 millóns en usuarios en España. Nos 22 países nos que ten presenza acadou 35 millóns de membros.
Por provincias galegas, A Coruña e Ourense foron as que contaron con meirande número de usuarios, seguidas de Lugo e Pontevedra. Segundo indican os impulsores deste servizo, “todas elas experimentación crecementos salientábeis ao longo do último ano, con aumentos de entre o 20% e o 40% no seu número de usuarios”.
Con respecto á propia comunidade, as rutas máis habituais en 2016 foron A Coruña-Ferrol, Pontevedra-Vigo e A Coruña-Santiago. A nivel estatal, o traxecto máis habitual foi, por sexto ano consecutivo, Madrid-Valencia. “A capital, como centro xeográfico da península, é orixe e destino de gran parte das rutas máis habituais”, explican.

PUBLICIDADE