A popular plataforma para compartir gastos de viaxe, BlaBlaCar, está a organizar unha serie de encontros entre os seus usuarios por 10 cidades españolas chamado BlaBlaTour 2016, e tras pasar por Salamanca e Madrid, recalou en Santiago de Compostela, e aproveitaron a ocasión para dar conta dalgúns datos da compañía relativos a Galicia.
Así sabemos que en Galicia xa hai máis de 125.000 usuarios de BlaBlaCar, sendo a provincia da Coruña a que recibiu máis viaxes (o 34,4%) durante o primeiro trimestre do ano, superando a Ourense (29%), Lugo (19,9%) e Pontevedra (16%), relación que non vai na mesma orde que o número de usuarios rexistrados, onde Ourense vai en cabeza con 42.744 usuarios, seguida por A Coruña (40,589), Lugo (24.425) e Pontevedra (17.242).
Dende BlaBlaCar destacan o feito de que practicamente hai usuarios en todas as localidades de cada provincia, o que o country manager para BlaBlaCar España e Portugal, Jaime Rodríguez de Santiago, asegura que é consecuencia de que “moitos dos traxectos realizados unen puntos da Comunidade que só poden realizarse de forma directa en coche”. Como exemplo engade que “os 10 traxectos máis habituais concertados a través de BlaBlaCar só supoñen o 2% das viaxes que se publican na plataforma e é habitual, en Galicia, atopar viaxes entre Lalín e Madrid, Chantada e Pontevedra ou A Coruña e Cáceres”. Precisamente nesta liña Madrid sería a cidade de fóra de Galicia máis visitada polos galegos.
BlaBlaCar leva 5 anos en activo en España, e a compañía advirte que neste tempo medrou a idade media dos usuarios, pasando dos 24 en 2010 aos 31 anos en 2015. Detallan que actualmente o 26% dos usuarios de BlaBlaCar teñen entre 25 e 29 anos, outro 26% entre 30 e 39 anos, destacándose o feito de que o 71% dos usuarios teñen traballo, o 13% son estudantes, o 3% son xubilados e o 13% está en paro, sendo especialmente relevante este último grupo, que en BlaBlaCar parece ter atopar un alivio económico aos seus desprazamentos.
BlaBlaCar suma máis de 125.000 usuarios en Galicia
Compartir Este Artigo
