CESGA e CPEIG celebraron o Dia das Rapazas nas TIC tirando abaixo unha manchea de estereotipos sexistas

xoves, 28 de abril do 2016 Fernando Sarasketa

Este 28 de abril celebrouse en Santiago unha actividade de gran importancia para o desenvolvemento da nosa terra no ámbito informático: o Dia das Rapazas nas TIC. E dicimos de “gran importancia”, porque a actividade dirixiuse a tirar abaixo os atrancos (sexismos, prexuízos, ideas preconcibidas, falsos estereotipos) que impiden ás nosas nenas e adolescentes acceder aos estudos e profesións TIC. Como dixo a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, no transcurso da xornada, a fenda dixital de xénero achega “unha infinidade de problemas”, non só para as propias mulleres, senón tamén para o propio tecido profesional e empresarial, que se resente, e moito da escaseza de mulleres no seu seo. Este foi, de feito, o lema da xornada: a construción da sociedade dixital require do potencial e das capacidades das mozas.
A cita, que se escenificou na sede do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), constituíu a celebración galega do Día Internacional das Rapazas nas TIC, o Girls in ICT Day. Organizaron o CESGA e o CPEIG. En representación do Colexio participou no acto o seu presidente, Fernando Suárez.
Abriu a rolda de intervencións María José Malmierca, investigadora do CESGA, que lembrou ás presentes (ducias de mozas de varios centros de Educación Secundaria da nosa terra, atendendo aos relatorios na propia sede do CESGA e, tamén, por videoconferencia) a necesidade de incrementar a presenza feminina no ámbito profesional TIC galego. A continuación falou a secretaria xeral de Igualdade, que sinalou que “non é de xustiza que as mulleres non teñamos as mesmas oportunidades para acceder a este tipo de ámbitos sociais e profesionais”. No seu relatorio fixo mención dalgunhas profesionais sobranceiras da historia da informática (xeralmente “ninguneadas” no seu día, como Ada Lovelace, dixo, malia ter “achegado unha importante contribución á Sociedade do Información tal e como a coñecemos”) e recordou que, a día de hoxe, resulta inadmisíbel que a porcentaxe profesional feminina no ámbito da creación de ferramentas e contidos dixitais sexa só do 9%.
Logo de López Abella, foi a quenda de Natalia Costas Lago, enxeñeira en Telecomunicacións e responsábel da xestión da Rede de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia (RECETGA) e dos servizos de rede do Centro de Supercomputación de Galicia. Costas falou da súa vocación e da súa frutífera experiencia como muller profesional das novas tecnoloxías. Asemade, reivindicou a marxe de experiencia enriquecedora que achegan as TIC, “moito máis creativas do que se pode pensar nun principio”.
A continuación interveu Rebeca Fandiño, doutora en Química, investigadora da Universidade de Santiago de Compostela e CSO en MD.USE Innovative Solutions. Rebeca fixo un percorrido pola súa formación como química, pola temática da súa tese e máis pola súa actividade con MD.USE, onde leva dous anos desenvolvendo software dirixido a avaliar, entre outras cousas, o comportamento das moléculas. Rebeca dixo que para ela e a súa equipa as TIC “serven en boa medida para ver o que decote, en circunstancias normais, non se pode ver”.
A seguinte relatora foi Susana Gómez Carnero, doutora en Enxeñaría Informática e directora executiva en Origami Soluciones, empresa de consultaría e desenvolvemento de solucións TIC. Susana comezou animando ás rapazas presentes na cita do CESGA a preguntarse que queren facer na vida, profesionalmente, e a non deixarse levar polo “que digan os demais”. Falou tamén da súa experiencia con Origami e da bagaxe amoreada fornecendo a empresas ferramentas e servizos que lles axuden a potenciar a súa actividade: os mellores vieiros para presentar unha web e para amosar produtos, metodoloxías axeitadas para informar, vender ao tempo que se subministra diversión, etc.
A continuación foi a quenda de Lorena Otero Cerdeira, doutora en Informática pola Universidade de Vigo, docente e Investigadora do LIA2 (Laboratorio de Informática Aplicada) da UVigo. Lorena, que é membro da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (na que tamén preside a súa comisión de Igualdade), fixo fincapé nos “moitos estereotipos” que inzan os estudos ligados á informática, ideas preconcibidas que adoitan relacionar este tipo de formación cos homes ou coa extrema dificultade técnica, e que se desmontan e tiran abaixo en canto vemos máis alá da superficie das cousas, sinalou.
Quen organizou e porqué
O evento a nivel internacional vén da man da entidade International Telecommunications Union (ITU). O seu obxectivo, con esta celebración, é “motivar as novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das TIC para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional”.
O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), impulsor do proxecto europeo ICT-Go-Girls! (promoción do emprendemento das rapazas de Secundaria a través das TI), xunto co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organizou a edición galega do Girls in ICT Day. Foi no marco do Plan Proxecta, baixo a coordinación da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. A iniciativa dirixiuse ás rapazas dos primeiros anos de Secundaria para proporcionarlles unha imaxe “máis atractiva do mundo do emprendemento tecnolóxico” e lograr así unha maior presenza feminina no eido das TIC.
Tamén colaboraron na xornada as seguintes entidades: a Consellería de Educación, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), a Facultade de Informática da UDC e Woman Emprende-USC. O Concello de Santiago tamén se sumou os días pasados a esta fronte común contra a fenda dixital de xénero.

PUBLICIDADE