Catro alumnos da FIC na final do Challenge Universitario da Fundación Repsol que se celebra en Madrid

venres, 8 de marzo do 2024 S. P.

Os alumnos Bruno Bouza Fernández, Raúl Meijide Couto, Javier Nogueira Vera, Pablo Teijeiro Torrón, do segundo curso do Grao en Enxeñaría Informática que se imparte na Facultade de Informática (FIC) da UDC, participan esta fin de semana (este venres e este sábado) en Madrid na final do Challenge Universitario organizado pola Fundación Repsol; unha competición presencial de 48 horas de duración na que os estudantes deben demostrar o seu talento para a resolución dun reto traballando en equipo.
Os estudantes da Universidade da Coruña, que compiten como equipo E-ways, acadaron a final no reto 1, dedicado a cidades sustentábeis, co proxecto denominado Unha nova luz: sensores de presenza para o alumeado, luces LED e pavimento cinético. Os seus rivais para facerse vencedores do reto son os equipos Avant Garde, co traballo Pintura fotocatalítica para reducir CO2 e NOx; EcoFuturo, co proxecto Xardineiras urbanas alimentadas por miniplanta de tratamento de residuos; Energetic Madrid, co proxecto Eficiencia enerxética a tres niveis: edificio, bloque e mazá; e IngeniaT, con Toldos fotovoltaicos.
A proposta dos catro alumnos da FIC, tamén denominada Mirando con novas luces a un futuro máis brillante propón a realización de catro accións para abordar o reto de cidades sustentábeis e descarbonizadas: a instalación de detectores de presenza de vehículos na vía para nivelar a intensidade das farois en ausencia de tráfico; a modernización do alumeaado, garantindo ademais o seu mantemento periódico; a reutilización e produción de enerxía pasiva, a través de pavimentos cinexéticos en resaltos, pasos de cebra elevados ou as propias calzadas; e optimización e redución de tráfico, a través do uso dos sensores do alumeado público e de aplicación dunha Intelixencia Artificial ou un algoritmo encargado de rexistrar e xestionar o tráfico e o tempo dos semáforos para optimizar o tempo medio dun vehículo parado na calzada, e reducir as súas emisións de CO2.

PUBLICIDADE