Cesa a produción de terminais con BlackBerry 10

venres, 1 de xullo do 2016 Marcus Fernández

Vellos terminais de BlackBerry en espera dunha destrución segura

Durante moitos anos os smartphones de BlackBerry tiñan a sona de ser os máis seguros, de xeito que eran os empregados por entidades gobernamentais e militares, pero os terminais da compañía canadense hai tempo que perderon o seu pulo por mor da chegada ao mercado do iPhone e da grande competencia de Android, situación ante a que non souberon reaccionar, e finalmente, aínda que non se anunciou oficialmente, os terminais con BlackBerry 10 cesan a súa produción, o que sabemos a través do Senado dos EE.UU. (onde aínda teñen máis de 600 terminais de BlackBerry), que o pasado mércores recibiu un comunicado informando de tal.
Na comunicación recibida asegúrase que os dispositivos BlackBerry Q10, Z10, Z30, Passport e Classic deixaron de producirse, de xeito que as unidades dispoñibles dos mesmos son moi limitadas, e aínda que manterán o soporte para estes dispositivos (aínda en garantía) aconsellan dar o salto xa a smartphones con Android ou iOS.

Dos terminais que actualmente vende BlackBerry só continuarían en produción os que funcionan con Android

Esta nova resulta bastante rechamante polo feito de que o mesmo mércores BlackBerry abrise unha tenda efémera en Times Square na que ofrecían a prezos especiais os terminais BlackBerry PRIV, Passport, Classic e Leap, o que non parece unha estratexia moi leal de cara ao público.
Cómpre salientar que BlackBerry continúa a súa liña de smartphones baseada en Android, formada basicamente polo PRIV, terminal que en España ten un prezo de 629 euros, cantidade que o sitúa practicamente fóra do mercado, como demostran as súas ridículas vendas que, de non mellorar ante do remate do ano podería levar a BlackBerry a abandonar definitivamente o mercado do hardware para centrarse nos servizos.

BlackBerry durante estes días está a montar distintas tendas efémeras en Manhattan ofertando os seus terminais (sen ter anunciado oficialmente o cese da súa produción)

PUBLICIDADE