Chegan ás tendas os móbiles da serie Samsung S24

mércores, 31 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

Samsung anuncia a chegada ás tendas dos seus novos smartphones da familia Galaxy S24, que recibiron un impresionante número de pedidos en compra anticipada, destacando o feito de que máis do 65% dos consumidores optaron polo Galaxy S24 Ultra, o modelo máis completo.
Dende a filial española de Samsung aseguran que as vendas en España están a moverse en cifras moi semellantes ás do resto do mundo, confirmando que foi todo un acerto apostar pola intelixencia artificial como elemento diferencial para captar o interese do público.
As solucións de tradución instantánea de chamadas e chats, as facilidades para a realización de buscas sobre o que temos en pantalla ou as ferramentas para mellorar as nosas fotografías mediante a IA son detalles que os consumidores reciben cos brazos abertos, xa que fan máis accesible unha tecnoloxía que nos últimos meses puidemos ver como atraía moita atención, pero estaba moi diseminada en distintas plataformas.
A boa integración da IA pode ser chave para o éxito no mercado dos móbiles, polo que será interesante ver como responden o resto de fabricantes a Samsung durante a celebración do Mobile World Congress de Barcelona, xa que unha compañía que careza dunha interesante proposta de IA terá moi difícil facerse un oco na gama alta de móbiles con Android.
O lanzamento dos novos Galaxy S24 realízase con numerosas promocións por parte de tendas e operadores, e no caso español cómpre salientar que os modelos máis básicos (o S24 e o S24+) estarán dispoñibles cun procesador Exynos en Europa, ou sexa, que o reputado procesador Qualcomm Snapdragon 8 Gen 3 queda reservado ao S24 Ultra, o que probablemente é un dos elementos que decanta a moitos usuarios pola súa compra.

PUBLICIDADE