Costa dos Castros acada o seu reto de micromecenado

mércores, 4 de novembro do 2015 Redacción

Este verán presentábanse en Pedornes, Oia, os detalles dunha interesante e innovadora iniciativa galega de dinamización social e cultural encamiñada a reivindicar o patrimonio castrexo da costa sur galega a través da metodoloxía do traballo colectivo (metodoloxía aplicada tamén ao ámbito do financiamento, para o que se empregou a fórmula do crowdfunding). Falamos do proxecto Costa dos Castros, que inclúe entre outras cousas a posta en marcha dun sistema de rexistro arqueolóxico dixital en colaboración coa firma británica DigVentures, que botou unha man á hora de levar información sobre a iniciativa a unha boa parte do mundo. Facíase fincapé daquela en que estabamos perante o primeiro crowdfunding (micromecenado) arqueolóxico de Galicia. Ao longo do verán e do outono a técnica de recadado colectivo de apoios orzamentarios fixo posíbel que se acadaran máis de 10.000 euros, o que significa a consecución dos obxectivos fixados no comezo da campaña.
A finalidade deste orzamento será a de protexer o patrimonio arqueolóxico e natural de Oia, a través do proxecto Costa dos Castros. Segundo lembran os impulsores do proxecto, este xa se atopa cen por cen afianzado e amosando resultados ben visíbeis. Por exemplo os tres traballos arqueolóxicos levados a cabo nos castros de A Cabeciña, Cano dos Mouros e Chavella ou o importante número de visitas guiadas (medio milleiro) realizadas, amais de xornadas de divulgación e visitas aos colexios.
Como lembraremos, o proxecto de micromecenado Costa dos Castros veu da man de catro comunidades de montes da costa sur de Galicia, coa colaboración do Concello de Oia, asociacións de hostaleiros locais, o INCIPIT-CSIC e a devandita firma DigVentures. A contorna a impulsar é o treito de beira marítima que vai dende baía de Baiona ao esteiro do Miño, un arco litoral que agocha once castros e ducias de estacións de arte rupestre. Este rico patrimonio foi o que animou ás catro comunidade de montes da contorna a crear a etiqueta Costa dos Castros.
A campaña de micromecenado foi dirixida a que a veciñanza da contorna puidera recadar fondos e actuar directamente sobre varios destes enclaves arqueolóxicos. Fíxose como dixemos en colaboración con DigVentures, unha empresa británica que xa levou a cabo con éxito un bo número de iniciativas deste tipo no seu país. Tamén están a participar antropólogos da institución científica INCIPIT-CSIC, que fan un seguimento de Costa dos Castros como un exemplo de novos xeitos de facer arqueoloxía no marco do proxecto europeo NEARCH. A un nivel máis local as comunidades de montes reciben o apoio do Concello de Oia; de ANABAM e ACAMO -asociacións pola ecoloxía e o patrimonio, respectivamente- e de hostaleiros locais.

PUBLICIDADE