Cousas do Kulechov imponse nos Mestre Mateo na categoría de obras experimentais e interactivas

mércores, 16 de abril do 2008 Fernando Sarasketa

Polo que respecta á categoría Mellor Obra Experimental ou Interactiva nos Premios Mestre Mateo que se entregaron onte en Ferrol, o galardón foi dar a mans de Susana Rei polo seu filme Cousas do Kulechov. Amais, houbo outros tres finalistas, dos que falamos máis polo miúdo máis adiante. Son os seguintes: Ecos, de Rubén Coca; El Humanoide, de Hipotálamo; e SQR, de Pixel Grafics (do que xa falamos nesta mesma web). Cousas do Kulechov é unha curta de 21 minutos realizada por Susana Rei Crespo (Pontevedra 1966) e que nalgúns aspectos lembra ás ficcións aparentemente reais (ou falsas realidades, ou realidades alternativas) propostas polo mestre Orson Welles ó longo da súa carreira, e que culminarían coa súa derradeira obra, a fascinante Fake.
Cousas do Kulechov, Galiza en pé de guerra
Cousas do Kulechov, de Susana Rei, ten en común con Orson Welles un emprego prestidixitador da montaxe, tirándolle partido e poñéndoa a proba para –en última instancia- inducir ó espectador a preguntarse sobre que significa a realidade e até onde chega. Asemade, a directora déixase levar un pouco da man de Kulechov (unha das grandes influencias do cinema soviético clásico e defensor a ultranza do poder da orde das imaxes: a orde que lles deamos éo todo) para narrar un suposto conflicto bélico en Galiza.
Ecos, catro historias de soidade
Ecos, do realizador e guionista ferrolán Rubén Coca, competiu na sección de Mellor Obra Experimental ou Internactiva dos Mestre Mateo. Podemos ver información abonda e mesmo un anacos de guión e do filme mesmo no caderno personal do director, rubencoca.blogia.com. Coca, quen xa está atarefado co seu seguinte proxecto cinematográfico, Mínimo Común Múltiplo, definía Ecos recentemente en A Voz coma unha obra que conta unha mesma historia de catro xeitos diferentes. A peza, que se cadra ten aspectos en común co filme Flirt, de Hart Hartley (que recreaba un mesmo acontecemento de infidelidade en tres escenarios distintos do mundo, reflexionando en como nos fai iguais un suceso así), aínda non está dispoñible, nin na Rede nin nas salas. Ecos estrutúrase sobre catro xeitos de expresar un sentimento ou vivencia común a todos os seres humanos: a soidade. A achega de Coca céntrase en dous deses catro puntos de vista e que aparecen con feitura de curta e videoclip. Álex García, cunha peza de videocreación, e Álvaro León, cunha de animación, pechan o círculo.
SQR, innovador videoxogo de estratexia galego
De SQR xa temos falado nestas páxinas, sobre todo con motivo da súa presentación na Coruña, no pasado verán e no marco do Foro Internacional do Videoxogo que organiza o Clúster Audiovisual Galego. SQR, produto desenvolvido pola compañía Uber Cool Games, pertencente á empresa galega Pixel Graphics, constitúe un xogo por quendas que semella ter xurdido logo dun exhaustivo proceso de estudo das actuais tendencias tecnolóxicas. É dicir: a pouco que nos introduzamos nel poderemos ver unha manchea de detalles vinculados á Rede 2.0, sobre todo na súa arela de facer comunidade.
Segundo apuntou na Coruña o equipo de UCG con motivo da súa presentación, “trátase dun xogo de estratexia, a medio camiño entre o xadrez e o Pokemon, multixogador, no que podemos atopar cinco clases de personaxes, que terán que descifrar diversas claves para ir adquirindo habilidades de xeito que os personaxes acaden fortalecemento, e coa posibilidade de intercambialas entre os xogadores”.
O produto foi presentado na Coruña por Beatriz Legerén, xerente de Pixel Graphics, que acudiu acompañada do resto do equipo desenvolvedor do xogo: Javier Martín, director de desenvolvemento; José Luis González Castro, responsable de produción do proxecto e José Carlos Bellido, responsable de programación.
El Humanoide, novos temas e visións para novas canles
El Humanoide é unha desas obras que semella non contar historia algunha e contalas todas ó mesmo tempo. A microcurta de Fran Estévez (Vilagarcía de Arousa, 1980) xa está a disposición dos internautas no YouTube abrindo novos camiños sobre xeitos de infrinxir a narrativa audiovisual convencional. Para comezar, non hai actores. Ou, polo menos, non como os adoitamos a ver na pantalla. As faces, os ollos, as bocas, os corpos e mesmo os sons están recreados coma un desafío: ofrécese unha parte do todo íntegro e convídase ó espectador a que reconstrúa o resto. Imposible ficar indiferente con esta peza que, de tan innovadora, mesmo renuncia ás canles de exhibición que non sexan as da Rede. No recanto máis kafkiano do YouTube a obra foi vista por 2.500 persoas.

PUBLICIDADE