Dispáranse as visitas aos vídeos de Ryanair logo da polémica polo seu calendario

martes, 17 de novembro do 2009 Fernando Sarasketa

As polémicas seguen a ser hoxe en día iniciativas de promoción de primeira orde, e máis tendo en conta que quen sementa a polémica xa ten unha boa parte do traballo feito: o resto faillo quen protesta. Isto máis ou menos é o que vén de poñer en práctica a compañía de voos de baixo custe Ryanair na Rede, quen logo de tirar partido de YouTube para presentar o seu calendario “solidario” de mozas espidas vén de ser testemuña dun importante fluxo de visitas cara aos ditos contidos: máis de 100.000 internautas asistindo virtualmente ao making of do álbum de tripulación de cabina de Ryanair de 2010 en só cinco días.
A cousa, en realidade, é especialmente salientable se temos en conta o factor polémica: foi xusto despois das protestas pola campaña cando se disparou a treboada de visitas.
Por certo que entre quen máis ergueu a voz en contra da iniciativa hai grupos feministas españois e ingleses, que cualificaron a campaña de sexista e cuestionaron a posición ética dun programa que recolle fondos para unha asociación benéfica a costa de denigrar a figura da muller. Sexa como sexa (que cada quen participe como queira neste novo debate sobre un novo caso de promoción revestida de solidariedade), o caso é que é moi probable que Ryanair conseguira o que quería.


O making of do calendario de Ryanair superou as 100.000 reproducións en YouTube

PUBLICIDADE