Dous mozos galegos, finalistas na segunda edición do concurso Blue BBVA Challenge

xoves, 1 de decembro do 2016 Fernando Sarasketa

Os integrantes do grupo Entertaining

Temos notábel presenza galega entre os finalistas da segunda edición do desafío Blue BBVA Challenge que impulsa a devandita entidade bancaria para procurar entre os novos desenvolvedores e emprendedores os elementos que constituirán as cidades do futuro. Segundo informa a banca, esta pasada fin de semana elixíronse na cita Challenge Day as dúas ducias de mozas e mozos universitarios (entre mil candidaturas) que pasarán, constituíndo cinco grupos, á fase final do certame. Pola nosa terra concorrerán neste último chanzo do concurso os galegos Roi Vázquez (dende A Coruña e formando parte do proxecto Entertaining, que ten como obxectivo aproveitar o tempo que pasamos no transporte público) e Gloria Jorge (dende Santiago de Compostela e pertencendo ao proxecto City Thinkers, baseado na orientación laboral para mozas).
Segundo informa BBVA, os grupos que participaron no Challenge Day contaron con dous minutos para “convencer” e “engaiolar” a un xurado composto por especialistas en transformación dixital, mercadotecnia e emprendemento. Finalmente, cinco grupos de estudantes lograron pasar á seguinte fase, na que recibirán varios módulos formativos. Máis adiante, na primavera, defenderán o seu proxecto final e o mellor grupo será recoñecido cunha viaxe a Berlín, onde terán a oportunidade de coñecer o tecido emprendedor novo desa cidade e completarán o seu desenvolvemento formativo”.
As iniciativas finalistas, unha a unha, son as que citamos a continuación.
1. Eco-stop: reinventando as marquesiñas de autobús. A idea é aproveitar os espazos urbanos que non están a fornecer o potencial que acubillan, como é o caso das marquesiñas. O equipo propón incorporar cobertura vexetal no teito (brión), que funcionaría como illante térmico. Ademais, o proxecto abrangue a colocación de pedais debaixo dos asentos. O alicerce disto é que poidamos, mediante o pedaleo, xerar enerxía para cargarmos o móbil, conectarnos ao Wi-Fi ou simplemente quentar o asento.
2. Civic, unha plataforma que premia aos cidadáns cívicos. A base desta iniciativa é promover nas cidades un comportamento que, malia o que se poida pensar, non está tan presente nelas como se cre: o civismo. O proxecto inclúe unha aplicación móbil e unha plataforma web que permite ao cidadán conectar, de maneira simple, cos servizos de emerxencia, ou ben reportar unha incidencia na cidade (mobiliario roto, atrasos no transporte, etc.). A iniciativa incorpora recursos de xeolocalización e gamificación, mediante os cales, informarmos de incidencias fai que o noso perfil vaia sumando puntos para acadarmos descontos en produtos e servizos, que serán mellores canto máis suba o nivel de civismo.

As rapazas que integran o grupo do proyecto City Thinkers

3. Power Step, o valor da enerxía cinética. O proxecto abrangue contempla a colocación, en lugares con moito tránsito, de baldosas feitas cunha tecnoloxía que é capaz de transformar os pasos dos transeúntes en enerxía cinética.
4. Entertaining: como aproveitar o tempo que pasamos no transporte público. O grupo de estudantes responsábel desta iniciativa ideou un proxecto para aproveitar o tempo que moitos cidadáns pasan a diario nos trens de proximidade. Propoñen enchelo con espazos colaborativos, que se situarían no último vagón, onde os viaxeiros poden aprender cousas novas, como idiomas, música, etc. A conexión de intereses faríase con algunha plataforma informática ou aplicación, e mesmo como complemento a plataformas xa existentes.
5. City Thinkers, orientación laboral para mozas. Este proxecto nace da vontade de achegar orientación ás mulleres que veñen de rematar a carreira acerca dos estudos de posgrao e do mundo laboral. Trátase, pois, dunha plataforma que conecta a estudantes con traballadores, que orientan aos recentemente titulados sobre as posibilidades do mercado laboral, para poder elixir mellor os seus estudos de posgrao.

PUBLICIDADE