Emetel convoca a 15 concellos para buscar un meirande aforro público pola vía das TIC

xoves, 25 de novembro do 2010 Fernando Sarasketa

A Administración Electrónica está a xerar tantas dúbidas coma expectativas, ou se cadra máis, mentres non se vexan claramente os resultados deste proceso de dixitalización da vida pública, a nivel estatal, autonómico ou local. Botar o máximo posible de luz sobre este punto, empregando para impulsar a mensaxe formatos de traballo propios das redes (networking), foi o gran obxectivo da xornada de traballo que a compañía galega Emetel celebrou este mércores 24 na Quinta da Auga en Santiago. A xuntanza, á que acudiron representantes de 15 concellos galegos, centrouse en expoñer e avaliar os recursos que se están a pór en xogo arestora para mellorar a eficacia das administración locais. Dito doutro xeito: a xornada serviu para procurar, de entre todo o que temos ao noso alcance, o máis conveniente para achegarlle valor á cidadanía nun intre de crise coma este. Foi unha procura de fondo, pero tamén de formas e canles. De feito, na xuntanza salientouse a importancia de traballar en rede, compartindo coñecemento e máis habilidades, entre responsables tecnolóxicos municipais. Facendo uso do networking, en definitiva.
En termos de Manuel Lago, director xeral de Emetel: “A administración pública, sobre todo as entidades locais, que son as máis próximas á cidadanía, non poden ficar á marxe dos cambios tecnolóxicos que estamos a vivir, e agora menos ca nunca”. De aí que a implantación da eAdministración e o contexto económico actual sexan un novo punto de inflexión que esixe dos concellos contar coa mellor base tecnolóxica, engadiu.
A xornada, desenvolvida co epígrafe O camiño da eficacia na Administración Local, congregou a responsables de novas tecnoloxías dos consistorios da Coruña, Vigo, Lugo, Santiago, Ourense, Ferrol, Oleiros, Arteixo, Betanzos, A Guarda, Vilanova, A Estrada, Nigrán, As Pontes e Cangas. A cita incluíu, polo tanto, intervencións de cada un destes profesionais, que presentaron cadansúas propostas tecnolóxicas de adaptación aos novos tempos da comunicación coa cidadanía. Previamente ás achegas destes representantes, Manuel Lago fixo un percorrido polas vantaxes das novas ferramentas dixitais como motor de cambio económico e comunicativo. Ao seu xuízo, na situación actual na que o control de custes é xa un factor decisivo, cómpre buscar unha resposta baseada en “facer máis con menos” e sintetizada nas “tres R”. Ou sexa, sintetizada en reenxeñaría de procesos, reestruturación e reinvención.
A continuación, salientamos algunhas das propostas de traballo presentadas:
· O Concello da Coruña presentou a súa experiencia na implantación dun Centro de Proceso de Datos que soporta de xeito seguro e potente tódolos sistemas de información do consistorio.
· O Concello de Ourense amosou de que xeito a implantación dunha rede IP multiservizo que integra nunha única canle diferentes tipos de tráfico supuxo xa un importante aforro ao tempo que incrementou a capacidade do Goberno local para dar novos servizos aos cidadáns.
· O Concello de Lugo tamén presentou a súa experiencia, unha rede sen fíos WiMAX e Wi-Fi posta en marcha para favorecer a inclusión dixital de tódolos habitantes de Lugo e da súa contorna, achegando acceso ás redes aos centros sociais e logrando así, sinala o Concello, unha participación tecnolóxica plena da súa zona rural.

PUBLICIDADE