Empresas de sete países americanos irmándanse esta semana coas firmas do Clúster TIC

martes, 25 de novembro do 2014 Redacción

Antonio Rodríguez del Corral, presidente actual do Clúster TIC de Galicia

O Clúster TIC Galicia está a engraxar a súa maquinaria de internacionalización. Ou sexa, que lle está a sacar punta a un dos seus principais obxectivos ou razóns de ser: o pulo transfronteirizo do noso sector tecnolóxico-dixital. Desta volta, o impulso é de dous sentidos: Galicia-Latinoamérica, Latinoamérica-Galicia. Segundo informa o Clúster, representantes de empresas de sete países da outra beira do Atlántico visitarán Galicia entre os días 27 e 30 de novembro, na primeira Misión Comercial Inversa organizada polo Clúster TIC.
O obxectivo da iniciativa, que se insire na política de fomento da internacionalización dos clústers galegos promovida polo IGAPE, é fortalecer ligazóns e relacións comerciais entre firmas galegas do sector TIC e clientes en Latinoamérica, “así como abrir mercados para a industria galega naquel continente”, engade o Clúster, que explica tamén que as empresas convidadas proceden de Brasil, México, Chile, Colombia, Perú, Panamá e Honduras, e pertencen aos sectores da telefonía, a televisión, os servizos de Internet, a xestión hospitalaria, o hardware, o software e a consultoría.
Os encontros transatlánticos desenvolveranse ao longo de catro xornadas. Nelas, sinala a entidade que dirixe Antonio Rodríguez del Corral, “os representantes das empresas coñecerán o catálogo de competencias das empresas do Clúster e as principais liñas de investigación das entidades de referencia en Investigación e Desenvolvemento (I+D)”. Asemade, haberá actos institucionais e visitas para coñecer proxectos tecnolóxico-dixitais representativos que se están a desenvolver na nosa terra, por exemplo Coruña Smart City, a iniciativa para converter a cidade galega nunha urbe conectada, ou sexa, máis sustentábel, cómoda e mellor comunicada. Tamén se exporán detalles doutras iniciativas dos ámbitos da sanidade dixital e a innovación multimedia.
“A posta en marcha desta Misión Inversa”, explica a organización empresarial galega, “alíñase coa política de clústers que se impulsa dende a Unión Europea e responde a unha das prioridades do sector TIC galego, como é a necesidade de sumar forzas entre empresas e entidades para desenvolver plataformas de acceso aos mercados onde hai importantes oportunidades de crecemento, como son neste caso os mercados latinoamericanos”. O encontro internacional que prepara o Clúster galego para esta semana axudará a afianzar pontes comerciais “que redundarán nun reforzo do tecido empresarial TIC galego e xerará riqueza para a economía da Comunidade”, engaden fontes da entidade.

PUBLICIDADE