Empresas e entidades daranse cita en Santiago para amosar que poden facer as TIC para envellecermos mellor

xoves, 26 de novembro do 2015 Redacción

Este luns 30 de novembro vaise falar en Santiago de cousas que pode facer o noso tecido de produción tecnolóxica (centros tecnolóxicos, empresas, entidades, profesionais por conta propia) para incrementar e mellorar os coidados, a saúde e a calidade de vida dos nosos maiores. Falamos da terceira edición da Xornada Inno Active Ageing sobre envellecemento activo e vida saudábel. A cita é no Edificio Roberto Novoa Santos do Hospital Universitario. En palabras dos organizadores (o Clúster Saúde de Galicia), a xuntanza servirá entre outras cousas para “estudar da clusterización empresarial como motor de desenvolvemento en investigación e empresas, contando con expertos nas diferentes materias”. Intervirán, entre outros, os responsábeis de NasasBiotech, NeuroAtHome e o SERGAS (este último falando de fogar dixital e eSaúde).
Máis en detalle, o obxectivo da xornada é crear un espazo de encontro entre profesionais de distintos ámbitos ligados á saúde con interese empresarial en abordar o proceso de envellecemento da poboación. Supón, engade o Clúster, “unha aposta pola identificación de oportunidades a partir da realidade demográfica en Galicia e o resto de Europa, que é o progresivo envellecemento da poboación”.
A xornada, que contará coa presenza do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, estará estruturada en dúas mesas de traballo, un panel de casos de éxito e a parte final estará dedicada á presentación do ecosistema de saúde de Galicia.
Ambas as mesas plenarias de traballo estarán adicadas á Clusterización empresarial como instrumento e motor de desenvolvemento económico, a primeira delas ao caso de éxito Medicon Valley Center da rexión de Skane (Suecia) e contará coa presenza de Maria Ahrén, business development manager life science in invest de Skane. A segunda tratará sobre o Indescat, o Clúster Catalán de Deportes, do que falará o seu xerente, Xavi Esteve.
Respecto da organización da xuntanza, sinalar que o Clúster da Saúde de Galicia é unha asociación que reúne a empresas desde setembro de 2011, “co obxectivo de dinamizar o tecido empresarial galego, contribuíndo ao desenvolvemento económico e social da comunidade autónoma, a través da cooperación entre todas as institucións e empresas públicas e privadas relacionadas coa saúde e a sanidade”. Conta con 33 socios, entre os que se atopa un importante elenco de firmas tecnolóxico-dixitais como Coremain; Bahia Software; Balidea C&P; Biofabri; CONGALSA; CyE, Control e Estidios; Idom, EGFarma; Everis; Feiraco; Ferrovial; FEGAS; Fundación Xenómica; Galaria; Health In Code; Hewlett Packard; Indra; Hospital San Rafael; Oximesa; Pescanova Alimentación; Pharma Mar; Queres Tecnoloxías; Severiano Servizo Móbil; SIVSA; Siho; SolidQ; Plexus; Telefónica, as tres universidades galegas e dous centros tecnolóxicos: Gradiant e ANFACO.

PUBLICIDADE