En marcha o novo certame de ideas innovadoras da USC

xoves, 15 de abril do 2010 Fernando Sarasketa

A Universidade de Santiago vén de convocar unha nova edición do seu certame dirixido a mobilizar no tecido produtivo emprendedoras/es galegas/os en potencia. Trátase da undécima convocatoria do Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da USC, aberto aos integrantes da comunidade estudantil ligada ás tres universidades galegas, sexan estudantes, bolseiros ou investigadores. Para participar no concurso, que ten aberto até o vindeiro 30 de xuño o seu prazo de inscrición, será preciso cumprimentar o formulario que figura na páxina principal da web do programa Uniemprende, que é o que coordina e xestiona este tipo de actividades no seo da USC.
Segundo informa a Universidade, tanto as bases do concurso como o formulario de inscrición poderanse consultar e máis completar facendo un click no título da información que figura na web sobre o concurso ou ben en ler máis. O certame, aberto a tódalas áreas do coñecemento (Humanidades, Ensinanzas Técnicas e Ciencias da Saúde, Xurídicas, Sociais ou Experimentais, inclúe desta volta cinco premios de 600 euros por idea. O seu obxectivo, en termos da USC, é o seguinte: premiar a aqueles emprendedoras e emprendedores que presenten proxectos de mercado innovadores susceptibles de converterse en iniciativas empresariais a curto e medio prazo.

PUBLICIDADE