Espido Freire reivindica as posibilidades comunicativas e creativas das novas canles

luns, 22 de abril do 2024 S. P.

Este luns 22 de abril celebrouse unha charla que puxo o foco nas vertentes máis positivas e enriquecedoras do universo científico-tecnolóxico, impartida pola escritora vasca de orixe galega Espido Freire baixo o epígrafe Palabras e pensamento: a ciencia e o seu fío narrativo. A sesión encadrouse a segunda edición do ciclo de cultura científica impulsado pola Consellería de Cultura e Educación baixo o título Tecnoloxía con sentidiño. Participou tamén o conselleiro Román Rodríguez.
Na charla, a escritora afondou na transformación do xeito de transmitir os contidos, os desafíos que iso xera e a oposición dos que identifican a seriedade dunha materia cun xeito determinado de comunicación.
A escritora Espido Freire, nada en Bilbao, provén como dixemos dunha familia de orixe galega. Licenciada en Filoloxía Unglesa e diplomada en Edición e Publicación de Textos pola Universidade de Deusto, debutou como escritora no ano 1998 con Irlanda, unha novela que lle supuxo o Premio Millepages. Ano e medio despois fíxose co Premio Planeta pola súa obra Melocotones helados, sendo a gañadora de menor idade na historia deste galardón.
Na charla, o responsábel autonómico de Educación agradeceu a participación de diferentes profesionais neste programa de conferencias, así como a contribución de Espido Freire “á reflexión sobre o uso das tecnoloxías”. E engadiu: “A tecnoloxía xoga un papel clave nas nosas vidas, pero é importante actuar con responsabilidade e sentidiño. Amais, salientou “as moitas oportunidades e eidos que se abren con estas novas ferramentas e os múltiples desafíos que debemos enfrontar para garantir que beneficien a todos”.
A Xunta organiza este ciclo nun momento no que o uso da tecnoloxías é motivo de debate, tamén no ámbito do ensino. O obxectivo é “ofrecer certezas e contribuír a unha reflexión seria e documentada, con expertos do maior nivel, e baseada en investigacións”, sinalou o conselleiro
Vindeira cita: 2 de maio
O Ciclo de Cultura Científica aborda nesta segunda edición temáticas en torno ao eixo común da tecnoloxía, como o uso da mesma nas aulas, a súa relación coa saúde infanto-xuvenil e a psicoloxía ou a Intelixencia Artificial, entre outros. Trátase dun programa de conferencias que se prolongará ata o mes de xuño coa participación de profesionais de diversos ámbitos. Así, tras a cita deste luns 22 de abril, será a quenda de José César Perales, catedrático de Psicoloxía experimental da Universidade de Granada, que o 2 de maio afondará nos Mitos e evidencias sobre o uso intensivo de dispositivos e aplicación na rede.

PUBLICIDADE