
Nestes premios impulsados por SEGITTUR (entidade do Ministerio de Turismo encargada de fomentar a innovación no sector turístico español), o Concello de Santiago concorrerá coa aplicación turística accesible da que falamos este mesmo mes de outubro: unha ferramenta para móbiles deseñada dentro do proxecto Appside e ao abeiro dun convenio subscrito polo Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade coa Fundación Orange e a empresa GVAM. A app santiaguesa participa na categoría de Turismo Cultural e Gastronómico, onde foi escollida para a final xunto coas aplicacións Fallas Play&Go e Riojawine.
A aplicación, como lembraremos, fornece catro roteiros e un percorrido accesible polos puntos máis importantes de Santiago. Os itinerarios son a Ruta Intramuros (que propón un percorrido polos principais monumentos do casco histórico), a Ruta Gastronómica (que busca que se coñeza o mellor da nosa gastronomía), a Ruta Extramuros (para amosar aos viaxeiros as particularidades e a beleza de Compostela fóra do seu casco histórico) e a Ruta Accesible (con puntos de interese adaptados a persoas con diversidades funcionais auditivas ou visuais). Marta Lois, na presentación, tamén lembrou que a ferramenta dispón dunha pestana chamada Accesibilidade a través da cal o usuario pode elixir e descargar de maneira exclusiva os recursos que precise: subtítulos, vídeos en lingua de signos, audiodescricións… A aplicación tamén achega unha funcionalidade, Como chegar, que tira partido da tecnoloxía GPS para guiarnos “de punto a punto”.
FITUR recoñecerá a aposta de Santiago polo turismo TIC
Compartir Este Artigo

