FOGA dixitaliza valiosos fondos do Arquivo Diocesano de Lugo

martes, 12 de xaneiro do 2016 Redacción

A empresa galega FOGA chegou recentemente a un acordo cos responsábeis do Arquivo Diocesano de Lugo para o inventariado, ordenación e catalogación do seu Fondo de Ordes Sacras. O proxecto foi dado a coñecer estes días, trala entrega da primeira fase dos traballos de dixitalización, un acto no que participaron José Mario Vázquez, vigairo xeral da Diocese de Lugo, Óscar González, director do Arquivo Diocesano, amais dos profesionais da propia firma con sede en Compostela. O obxectivo destes traballos de migración a formato dixital é conservar de maneira axeitada o patrimonio (fondos documentais) da dita institución eclesiástica, e incentivar aínda máis a súa consulta e difusión (xa de por si importantes, dado o seu “prestixio e calidade”).
As tarefas céntranse na adecuación e dixitalización dos fotogramas dos fondos, concretamente dos libros de Fábrica, Bautismos, Defuncións, Matrimonio e Varios. A maiores, e segundo informan dende FOGA, a masa documental destes arquivos (do mesmo xeito que acontece cos Arquivos Capitulares) pode agruparse en tres divisións: Goberno, Provisorato e Administración Xeral, que almacenan os documentos producidos e recibidos como resultado das súas actividades. “O Arquivo Diocesano de Lugo”, engaden dende a empresa compostelá, “é un arquivo vivo, xa que recibe documentación a diario e, por iso resulta preciso distinguir entre os documentos que pertencen ao seu fondo histórico e aqueles que integran o seu fondo administrativo”.
Co obxectivo de “permitir a consulta desta tipoloxía de fondos por parte de investigadores e usuarios en xeral”, a institución aborda a organización e dixitalización do fondo de Ordes Sacras, pertencentes á serie documental do Clero Secular Diocesano, cunha cronoloxía que abrangue desde 1652 a 1996. Estes fondos recollen a relación de todos os candidatos ordenados de prima clerical tonsura, ordes menores ou graos, epístola, evanxeo e misa. Ademais, permiten establecer unha relación cos mazos de Patrimonio e cos mazos de Ordes.
“Dada a súa natureza”, engade FOGA, “trátase dun proxecto de longo alcance que deberá realizarse en sucesivas fases debido á complexidade dos traballos a realizar, non só polo elevado número de rexistros que contén cada un dos mazos de documentación, senón porque se trata dun proceso laborioso e minucioso de recollida de datos para a catalogación, como o detalle do nome da persoa que se ordena, o ano da súa ordenación, a súa procedencia e o grao no cal se ordena”.
O proceso de captura dixital realizarase no Laboratorio de FOGA e incluirá outros servizos asociados como a recollida e traslado dos documentos, a resolución de incidencias e o control da calidade.

PUBLICIDADE