Abanca brindará apoio financeiro ás persoas colexiadas do CPEIG

venres, 16 de febreiro do 2024 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e Abanca veñen de asinar un acordo de colaboración que pon a vista na mellora do acceso ao crédito das persoas colexiadas e das súas familias. A través deste convenio, sinalaron as dúas entidades, as e os integrantes do CPEIG poderán dar resposta ás súas necesidades persoais e laborais “nun momento especialmente marcado polo escenario macroeconómico actual”.
O acordo foi asinado na Coruña polo presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, Fernando Suárez, e polo director territorial de Abanca na Coruña, Óscar Salgado. O documento recolle unha serie de produtos e servizos con condicións especiais na súa contratación, como as pólizas de crédito, préstamos persoais e hipotecarios, leasing mobiliario ou avais.
Así mesmo, a entidade bancaria galega pon a disposición das persoas colexiadas diferentes liñas de financiamento oficial que subscribe con diversos organismos públicos, como as SGR nacionais, e que lles permitirán facer fronte aos gastos derivados da escalada da inflación e da evolución económica.
A oferta conta tamén con diferentes alternativas de investimento a medida, como os fondos de investimento, adaptados ao perfil de risco de cada cliente, e o servizo Xúbilo para o asesoramento sobre plans de pensións. Estas opcións forman parte tamén da oferta especializada de Abanca Persoal, coa que se proporcionará asesoramento e produtos personalizados ás persoas colexiadas para optimizar os seus investimentos.
A maiores, os enxeñeiros e enxeñeiras informáticas contarán con beneficios adicionais como a tarxeta Visa Tú, que ofrece múltiples formas de pago nunha soa tarxeta para combinalas como máis conveña. A Tarifa Plana de Seguros e de Valores, xunto con servizos avanzados de banca a distancia son outros dos aspectos clave que presenta a oferta financeira.

PUBLICIDADE