Fallout e os Pitufos destacan este mes en Prime Gaming

venres, 5 de abril do 2024 Marcus Fernández

A semana que vén chega a Prime Video a serie de acción real baseada na franquía de videoxogos Fallout, e por iso varios destes títulos están a incorporarse á relación de xogos que reciben de balde os subscritores Prime, e a Fallout 2 e Fallout Tactics (dispoñibles actualmente) engadirase Fallout 76 o vindeiro día 11, cando tamén se incorporarán os xogos Drawn: Trail of Shadows, Faraway 3: Arctic Escape e Demon’s Tilt.
Neste momento tamén están dispoñibles os xogos Chivalry 2, Faraway 2: Jungle Escape e Black Desert; estando prevista a chegada de Rose Riddle: The Fairy Tale Detective Collector’s Edition e Dexter Stardust: Adventures in Outer Space o día 18 e Living Legends: Fally Sky, Vlad Circus: Descent Into Madness e Tiny Robots Recharged o día 25.
Pero estes xogos que sen incorporan ás coleccións dos subscritores Prime serán para moitos o menos importante do mes, xa que o catálogo de xogos en streaming a través de Amazon Luna tamén está a medrar, de xeito que, aparte de grandes títulos como Fortnite, LEGO Fortnite, Rocket Racing, Fortnite Festival e Trackmania, tamén se pode xogar agora a Metronomicon, Sail Forth, Airhead e, moi especialmente, a Smurfs Kart, ou sexa, o xogo de carreiras de karts dos Pitufos, que permite xogar en solitario ou con multixogador local de até 4 usuario simultáneos a pantalla partida para converterse nun grande entretemento familiar, que grazas a Luna chega a televisores, ordenadores e dispositivos móbiles, sen precisar de ningún proceso de instalación.

Smurfs Kart é o xogo de carreiras dos Pitufos que podemos gozar a través de Amazon Luna

PUBLICIDADE