Fotolog desaparece da Rede

xoves, 7 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

Imaxe do Fotolog <a href="http://www.fotolog.com/e_s_a_y_o/35443503">dunha moza viguesa</a>O tempo tende a confirmar que as plataformas sociais dirixidas a un público mozo nacen con data de caducidade, e aínda que en numerosas ocasións conservan as marcas pero reformulan o seu negocio (como aconteceu con Tuenti ou MySpace), noutras ocasións procédese á desaparición total, o que parece ser o caso de Fotolog, servizo de grande éxito entre a mocidade durante a segunda metade da década pasada, que parece ter dito adeus para sempre e sen avisar.
O servizo hai anos que pasou á completa irrelevancia e, de feito, a retirada das súas aplicacións oficiais de Google Play e a App Store pasou desapercibida, e agora que dende o 4 de xaneiro a súa páxina web non responde, o público reaccionou alertando da caída noutras plataformas sociais, senón que non sería até onte, cando o asunto chegou aos medios, que se decataron de que unha plataforma de auténtica referencia pasou ao esquecemento.
Imaxe <a href="http://www.fotolog.com/melide_4ever/59624002">dun dos distintos fotologs melidenses</a>Fotolog acumulou máis de 33,5 millóns de usuarios dende o seu nacemento en 2002, pero non conseguiu manter a tracción, especialmente pola emerxencia de plataformas móbiles como Instagram, e esta incapacidade de reacción fixo que no último lustro o servizo apenas contase con actividade por parte dos seus usuarios, que ante o peche por sorpresa reaccionan de dous xeitos: indignados por non recibir aviso para poder realizar unha copia dos contidos, como seria de esperar; ou aliviados ao saber que moitas das imaxes da súa adolescencia das que agora non se sente orgullosos desaparecen da Rede de vez. Esta última opción parece ser a maioritaria entre os usuarios de Twitter, servizo no que o peche de Fotolog chegou a Trending Topic.
Polo momento non se ten ningunha información oficial sobre o peche de Fotolog, pero en vista do acontecido nos últimos días dá a impresión que estamos ante un cesamento definitivo do servizo que foi todo un referente, chegando a converterse no diario en liña de moitos novos (especialmente de países de fala hispana).
ACTUALIZACIÓN: Tras bastantes días fóra de liña, Fotolog volver á Rede advertindo do borrado definitivo dos seus contidos a partires do 20 de febreiro, dando así tempo a que os usuarios podan recuperar as súas imaxes.

PUBLICIDADE