Galicia Avanza mellora a presenza exterior de trinta empresas innovadoras galegas

mércores, 21 de febreiro do 2024 S. P.

Patricia Argerey, directora da axencia galega GAIN, na presentación da nova edición de Galicia Avanza As trinta pemes innovadoras e/ou de base tecnolóxica participantes na segunda edición da aceleradora para a internacionalización Galicia Avanza presentaron na mañá deste 21 de febreiro, na Tecnópole de Ourense, os logros acadados ao longo dos dez meses que durou o programa: logros que se traduciron en parte nunha maior presenza dos servizos e produtos das empresas no mercado exterior.
Esta iniciativa púxose en marcha en 2022 como resultado da colaboración a Axencia Galega de Innovación (GAIN), o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole). Desde entón, 60 pemes das catro provincias galegas participaron no programa.
A directora de GAIN, Patricia Argerey, inaugurou o encontro, ao que tamén asistiron a directora xeral do IGAPE, Covadonga Toca, e a presidenta da Confederación Empresarial de Ourense, Marisol Nóvoa. Na súa intervención, Patricia Argerey puxo de relevo o éxito do programa que “contribúe a facer máis rendíbel o investimento en innovación, apoiando ás nosas pemes a traspasar fronteiras e conquistar mercados internacionais”.
Pola súa banda, Covadonga Toca destacou que a través desta aceleradora, así como do resto de ferramentas á disposición das empresas, “ofrecemos ao tecido empresarial galego as mellores condicións para que sigan a facer da internacionalización un dos grandes motores de crecemento económico”.
No transcurso do acto, destinado a promover a internacionalización da innovación, déronse cita empresas de todos os sectores, con presenza en mercados exteriores ou con potencial de exportar os seus produtos e servizos. O director de Tecnópole, Javier Taibo, presentou os resultados desta 2ª convocatoria, na que se impulsou a internacionalización de 30 pemes das catro provincias galegas: 12 de Pontevedra, 11 da Coruña, 4 de Lugo e 3 de Ourense. Pertencen a sectores produtivos diversos, dedicadas na súa maioría á enxeñaría e ás TIC (Tecnoloxías da Información e da Comunicación), ademais do sector agroalimentario, consultoría, formación, venda ao por maior e ao por menor, comercio retallista, hixiene e acción social.
No balance fíxose saber que no marco desta convocatoria detectáronse un total de 67 mercados de interese para as pemes participantes: o 55 % en Europa, principalmente en Alemaña, Francia e Portugal; o 21 % en Latinoamérica, sobre todo en México, Arxentina e Chile; e o 24 % restante nos Estados Unidos e en diversos países de África e Asia. Ademais, rexistráronse 18 marcas en diferentes países e unha patente.
O valor global das actuacións levadas a cabo ascendeu aos 575.447,71 euros, cun apoio medio por empresa de 19.181,59 euros. Durante os dez meses de duración desta segunda edición do programa Galicia Avanza realizouse unha prospección de mercados de interese para cada unha das pemes participantes, protección de patentes e marcas nos países de destino, elaboración e desenvolvemento de plans de mercadotecnia, análise de clientes potenciais e establecemento de axendas comerciais, adaptación das páxinas web das empresas ao mercado internacional de destino, ademais da realización ou adaptación de soportes comerciais.
Nos casos nos que foi necesario, adaptáronse os produtos aos mercados de destino, elaboráronse contratos, creáronse ferramentas para facilitar as vendas…, entre outros servizos.
O evento incluíu tamén a presentación de casos de éxito en internacionalización de empresas de referencia; un espazo expositivo das 30 firmas participantes no Programa Galicia Avanza e reunións bilaterais. Durante o evento anunciouse a posta en marcha da terceira edición de Galicia Avanza, na que poderán participar outras 30 pemes galegas innovadoras. O prazo de solicitude abrirase ao longo deste mes e as empresas interesadas disporán dun prazo amplo para presentarse á nova convocatoria.

PUBLICIDADE